O Museo acolle unha exposición cos proxectos finalistas para a rehabilitación de Santa Clara

Pontevedra
15 de xuño 2023

Cada equipa de arquitectura dispón de cinco paneis coas súas infografías, accesibles dende este xoves no vestíbulo do Edificio Castelao 

Exposición dos proxectos finalistas para a rehabilitación de Santa Clara no Sexto Edificio do Museo
Exposición dos proxectos finalistas para a rehabilitación de Santa Clara no Sexto Edificio do Museo / Deputación de Pontevedra

Co obxectivo de que a cidadanía coñeza de primeira man cales eran as propostas para rehabilitar Santa Clara, o Museo de Pontevedra expón dende este xoves no vestíbulo do Edificio Castelao os paneis coas infografías dos anteproxectos que presentaron os estudos de arquitectura gañador (Nieto-Sobejano) co seu deseño ‘Verbas da pedra’ e os finalistas (Kaan Architecten, UTE Chipperfield-Carlos Seoane, Kengo Kuma, UTE Snohetta Oslo-Alfonso Penela).

Tanto o vicepresidente César Mosquera como o director do Museo Xosé Manuel Rey coincidiron en que era importante dar transparencia ao proceso da selección. Así, en total, están expostos ao público os cinco paneis sobre cada un dos anteproxectos, con textos, planos e recreacións visuais (incluso de detalle) das que se plantexaban como futuras reformas no conxunto conventual tal e como foron inspeccionados polo xurado. A mostra estará aberta alomenos dez días, aínda que poderá prolongarse de confirmar afluencia de persoas interesadas. 

Nos paneis da proposta gañadora, ‘Verbas da pedra’, amósase que a unión coa cidade do proxecto resolveuse abrindo un oco no muro sur, unha nova entrada desde a praza Barcelos. Enfrontada a esta apertura, instalarase un pavillón de acceso de nova construción no eixo do antigo claustro, configurado como un baldaquino que que sirve como miradoiro. Os planos revelan que a estrutura formal do convento orixinal reconstrúense as tres pandas que antigamente formaban o claustro recuperando a súa escala inicial. 

As zonas de exposición localízanse nos Edificio Oeste, Edificio Barroco e Coro da Igrexa. O edificio de ampliación para o Centro de Xestión Arqueolóxica proxéctase como unha construción lonxitudinal semisoterrada na zona leste, cuxa cuberta axardinada será de uso público, integrada no xardín do antigo convento. Terá dous niveis completos de soto para depósitos e un terceiro nivel parcial para instalacións na zona leste. No nivel aberto á zona axardinada sitúase un área de terraza e cafetería. Na zona oeste do xardín, como remate da fachada sur do edificio barroco, proponse un pequeno escenario no oco actual para eventos ao aire libre en modo anfiteatro. 

Unha vez gañadora do concurso, a proposta de Nieto Sobejano queda á espera da adxudicación do proxecto definitivo por parte da nova Corporación Provincial, quen tomará a decisión de seguir adiante ou non coa iniciativa. No seu caso, deberán facerse adaptacións e correccións, así como tamén incluír os apuntamentos do departamento de Patrimonio da Xunta de Galicia. 

O xurado valorou a conexión coa cidade, a proposta construtiva e número de metros cadrados necesarios, e a funcionalidade de cada anteproxecto, entre outras cuestións. O deseño vencedor obtivo 86 puntos de 100 posibles e destacou “pola excelente organización funcional dos espazos”.