O mural do proxecto "O teu cole na historia" xa loce no CEIP A Xunqueira II

Pontevedra
21 de novembro 2020

O equipo creativo de Polo Correo do Vento vén de finalizar un novo mural enmarcado dentro do proxecto "O teu cole na historia, coñecendo a nosa contorna", impulsado pola Concellería de Educación co obxectivo de acadar a identificación do alumnado co seu centro escolar e de resaltar as singularidades, historia e contorna natural e urbana dos colexios

Mural do proxecto "O teu cole na historia" no CEIP A Xunqueira II
Mural do proxecto "O teu cole na historia" no CEIP A Xunqueira II /

O equipo creativo de Polo Correo do Vento vén de finalizar un novo mural enmarcado dentro do proxecto "O teu cole na historia, coñecendo a nosa contorna", impulsado pola Concellería de Educación co obxectivo de acadar a identificación do alumnado co seu centro escolar e de resaltar as singularidades, historia e contorna natural e urbana dos colexios.

Neste caso, Carlos Taboada e Quique Mauricio realizaron unha intervención artística nunha parede do patio do CEIP A Xunqueira II (no lateral da rampa de acceso), que seguindo a mesma liña condutora do mural efectuado no CEIP A Xunqueira I, recolle diversos elementos da flora, a fauna e a fermosa paraxe natural na que se empraza o centro educativo.

O programa promovido polo tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, a través dunha achega económica de 17.000 euros, conta coa participación de 15 colexios de Infantil e Primaria: ademais de A Xunqueira I e A Xunqueira II, os CEIP San Benito de Lérez, San Martiño, Cabanas, Santo André de Xeve, Álvarez Limeses, Parada-Campañó, Manuel Vidal Portela, Froebel e Ponte Sampaio; os CEP Marcos da Portela e Campolongo, e as EEI Verducido e Fina Casalderrey.