O Mundial de Dúatlon xerará un retorno económico próximo aos dous millóns de euros

Pontevedra
22 de maio 2014

As concellerías de Deportes e Turismo calculan que o impacto socioeconómico na cidade superará os dous millóns de euros

Bicicletas nunha proba deportiva
Bicicletas nunha proba deportiva / Juan Mejuto

Ocupación hoteleira do 100%, estancia media de cinco días e unha repercusión económica total por enriba dos dous millóns de euros son as grandes cifras extradeportivas do Campionato do Mundo de Dúatlon, que Pontevedra acolle entre o 31 de maio e o 1 de xuño próximos.

Os concelleiros de Deportes, Agustín Fernández, e Turismo, Carlota Román, organizaron unha xornada informativa na Casa da Luz con hoteleiros e recepcionistas dos hoteis da cidade con vistas á que será a principal cita deportiva de Galicia neste ano 2014, dado que se agarda a presencia de máis de 1.500 participantes. Os técnicos da Concellería de Turismo e do Instituto Municipal de Deportes ofreceron todos os detalles sobre o evento.

A meirande parte deles pernoctarán cinco días nos hoteis e hostais da cidade

Dos datos proporcionados polos hoteleiros despréndese que deportistas, corpos técnicos, persoal federativo e acompañantes comezarán a chegar a cidade o día 27 e os últimos abandonarán Pontevedra o 2 de xuño, polo que a meirande parte deles pernoctarán cinco días nos hoteis e hostais da cidade. Mesmo unha boa parte farano en establecementos da comarca, diante da insuficiencia da planta hoteleira local.

Agustín Fernández explicou que estímase que chegarán unhas 4.500 persoas (unha media de dous acompañantes por deportista) e un gasto medio de 100 euros diarios por persoa. Con estes cálculos preliminares, que o concelleiro considerou ⿿moi conservadores⿝, o retorno económico será superior aos dous millóns de euros. Unha cifra que considerou moi aceptable tendo en conta que o Campionato ten un custo de organización de algo máis de 300.000 euros.

O retorno económico será superior aos dous millóns de euros

Os concelleiros de Deportes e Turismo destacaron o traballo coordinado dos dous departamentos municipais, no marco dunha estratexia municipal para captar eventos deportivos e feirais-congresuais en períodos de baixa ocupación. A día de hoxe, a misión está basicamente cumprida e Pontevedra é unha cidade moi fiable como organizadora de todo tipo de eventos, remarcou Fernández.

Carlota Román falou da necesidade dunha aposta constante pola profesionalidade e a calidade no sector hoteleiro. Lembrou que o sector debe aínda dar un paso adiante e implicarse ao máximo na colaboración co Concello porque Pontevedra compite tamén con outras cidades que non están paradas e xogan as súas bazas para captar visitantes.