O Multiusos da Xunqueira acollerá a persoas sen fogar

Pontevedra
06 de abril 2020

Debido ao aumento da demanda e diante da imposibilidade de realizar novos ingresos no albergue de Raíña da Paz, o Concello de Pontevedra habilitará o Pavillón Multiusos da Xunqueira para que acolla a persoas sen fogar

Unha persoa durmindo na rúa
Unha persoa durmindo na rúa / Diego Torrado

Debido ao aumento da demanda e diante da imposibilidade de realizar novos ingresos no albergue de Raíña da Paz, o Concello de Pontevedra habilitará o Pavillón Multiusos da Xunqueira para que acolla a persoas sen fogar.

Segundo informou este luns a concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde, esta instalación ten capacidade para 50 persoas e estará dispoñible a partir deste martes 7 de abril.

No albergue de Cáritas en San Brais non poden entrar novos usuarios xa que desde o pasado 25 de marzo está en corentena despois de que unha das persoas alí acollidas dese positivo en coronavirus.

Neste centro da parroquia de Salcedo atópanse confinadas 23 persoas e o Concello calcula que outras 15 usarán o Pavillón Multiusos.

Eva Vilaverde indicou que o Concello facilitará a todas estas persoas camas, kits sanitarios e de hixiene e dispoñerán de servizo limpeza, vixilancia e de comida.

Ademais prestaráselles asistencia médica, a través os técnicos da Unidade de Condutas Aditivas do Concello, que acudirá ao pavillón tres veces por semana.