O mozo que agrediu a Rajoy en Pontevedra ataca agora o coordinador local de Vox

Pontevedra
09 de marzo 2019

Andrés V.F., o mozo que agrediu en 2015 ao entón presidente do Goberno Mariano Rajoy durante un paseo por Pontevedra, volveu ás andadas. A súa nova vítima, tres anos despois, foi o coordinador de Vox na cidade, Juan Manuel Rosales

Juan Manuel Rosales, coordinador local de Vox, tras a agresión
Juan Manuel Rosales, coordinador local de Vox, tras a agresión / Vox Pontevedra

Andrés V.F., o mozo que agrediu en 2015 ao entón presidente do Goberno Mariano Rajoy durante un paseo por Pontevedra, volveu ás andadas. A súa nova vítima, tres anos despois, foi o coordinador de Vox na cidade, Juan Manuel Rosales.

Fontes policiais confirmaron a PontevedraViva que 'Capi', como é coñecido entre os seus achegados, acudiu á comisaría da Policía Nacional e recoñeceu ser o agresor.

O incidente produciuse na mañá deste sábado cando Rosales, xunto con varios compañeiros de Vox, repartía folletos informativos nas inmediacións do mercado de abastos de Pontevedra.

Ao parecer, Andrés V.F., que segundo varias testemuñas ía acompañado de varios mozos, comezou a tirarlles petardos aos integrantes do partido de Santiago Abascal. Tras un momento de tensión, abandonou o lugar pero pouco despois volveu cruzarse coa vítima e agrediuna.

O coordinador local de Vox recibiu, segundo el mesmo denunciou, varias puñadas que lle ocasionaron feridas no beizo, no pómulo dereito e no ollo esquerdo. Tras ser atendido nun hospital de Pontevedra acudiu á comisaría para presentar denuncia.

'Capi', co que case se cruza en dependencias policiais, foi identificado como autor da agresión pero, fontes da investigación, aseguran que non será detido. Terá que responder ante o xuíz, iso si, como presunto autor dun delito de lesións.

Andrés V.F., que ten actualmente 20 anos, fora detido por agredir cunha labazada ao entón presidente do Goberno, Mariano Rajoy, a quen se achegou durante un paseo por Pontevedra coa escusa de sacarse unha foto.

Foi condenado polo xulgado de menores de Pontevedra a dous anos de internamento en réxime pechado como autor dun delito de atentado á autoridade, do subtipo agravado, recollido no artigo 550.3 do Código Penal e aplicable naqueles casos nos que a autoridade contra a que se atenta é membro do Goberno.

Rajoy non chegou a exercer acción algunha contra o mozo, que está en liberdade desde o 15 de decembro de 2017.

ESTUDAN MEDIDAS LEGAIS POR TERRORISMO

O coordinador de Vox na provincia de Pontevedra, Andrés Álvarez, confirmou que o partido estudará adoptar medidas legais contra Andrés V.F., como presunto autor dun delito de terrorismo.

Álvarez sinalou que esta agresión enmárcase nunha campaña de ameazas que, a través das redes sociais, os dirixentes de Vox en Pontevedra estiveron recibindo nos últimos días por parte da Coordinadora Antifascista de Vigo, aos que vinculan con Resistencia Galega, organización considerada terrorista polas autoridades.

O dirixente deVox asegura que o agresor ía acompañado de varios mozos que "intentaron boicotear" a montaxe da carpa informativa situada fronte á praza de abastos "y llegaron a tirarnos petardos". A repartición de propaganda electoral puido realizarse grazas á protección policial, pero cando Rosales e un dos seus compañeiros "salieron del círculo de seguridad", explicaAndrés Álvarez, "cinco chavales fueron a por ellos" e Andrés V.F. "le partió la cara".

"Contábamos que podía pasar algo así pero no imaginábamos que fuera de esta envergadura ni que el agresor fuera el mismo que el de Rajoy", sinalou Álvarez que, a pesar deste incidente, asegura que seguirán "con la misma intensidad" protagonizando encontros coa cidadanía na rúa.