O mozo condenado por agredir a Rajoy, en liberdade o venres 15 de decembro

Pontevedra
08 de decembro 2017

Fontes xudiciais confirmaron a PontevedraViva que 'Capi' recobrará a súa liberdade, pero seguirá durante un ano máis en situación de liberdade vixiada. Durante ese tempo, no caso de que cometa algún delito podería volver á situación de internamento ou poderán aplicárselle outras medidas

Rajoy despois da agresión
Rajoy despois da agresión / Mónica Patxot

O mozo pontevedrés condenado por agredir a Mariano Rajoy durante un paseo electoral por Pontevedra estará libre nunha semana, o vindeiro venres 15 de decembro. Andrés de V. F., coñecido como 'Capi', recobrará a liberdade cando tan só falten dous días para que se cumpran dous anos de internamento, segundo puido saber PontevedraViva.

O mozo agrediu ao presidente do Goberno o 16 de decembro de 2015 e, tras pasar a noite nos calabozos, o 17 de decembro foi posto a disposición xudicial e o Xulgado de Garda decretou o seu internamento preventivo no centro de menorse de Monte Ledo, en Ourense. Seis meses despois, en maio de 2016, o Xulgado de Menores condenouno. Durante todo ese tempo e ata agora permaneceu internado. 

Fontes xudiciais confirmaron a PontevedraViva que o mozo agresor recobrará a súa liberdade, pero seguirá durante un ano máis en situación de liberdade vixiada. Durante ese tempo, no caso de que cometa algún delito podería volver á situación de internamento ou poderán aplicárselle outras medidas. Na súa condena tamén vai incluído someterse a un programa de reeducación que, no caso de que se comprobe que non deu os seus froitos, implicará que volva perder a liberdade.

'Capi' tiña 17 anos cando agrediu ao presidente do Goberno na praza da Peregrina, pero cumpriu os 18 xa en marzo de 2016. A pesar da maioría de idade, seguiu internado nun centro de menorse de réxime pechado ata agora, pois o delito polo que foi condenado impúxoselle cando era menor. 

O Xulgado de Menores de Pontevedra condenouno a dous anos de internamento en réxime pechado como autor dun delito de atentado á autoridade do subtipo agravado recolleito no artigo 550.3 do Código Penal, aplicable nos casos nos que a autoridade contra a que se atenta é membro do Goberno.

Esa condena é resultado dun acordo de conformidade entre o mozo e a Fiscalía de Menores de Pontevedra. A fiscal de Menores pedía inicialmente que se lle aplicase ao mozo a circunstancia agravante de responsabilidade criminal de "extrema gravidade", pero finalmente alcanzouse un acordo polo que el recoñeceu os feitos e mostrou o seu arrepentimento, de modo que se rebaixou a petición.   

Mariano Rajoy non chegou a exercer ningunha acción contra o menor, de modo que non tivo que pagarlle ningunha indemnización nin foi condenado tampouco a pagar responsabilidade civil polos seus feitos. Ademais, nestes últimos dous anos transcendeu que a familia e o propio menor pediron desculpas a Rajoy, que naquel momento era presidente do Goberno en funcións.   

Aquel 16 de decembro de 2016 o mozo achegouse a Rajoy simulando que quería facerse un 'selfie' con el e, nun momento dado, golpeouno con forza na cara, tirándolle as lentes ao chan e deixándolle a fazula morada. Inmediatamente foi inmobilizado polos escoltas e detido polos axentes da Policía Nacional que integraban o dispositivo de seguridade.