O movemento veciñal de Lourizán que se opón á ampliación da Estación depuradora dos Praceres (EDAR) decidiu por unanimidade en asemblea solicitar formalmente a todos os grupos políticos representados na corporación o seu apoio á moción que se vai presentar no pleno do 21 de xaneiro.
Lembran que na sesión do 9 de outubro de 2018 aprobouse por unanimidade a declaración conxunta en que o Pleno rexeitaba a ampliación da EDAR de Praceres. Ademais, o 14 de decembro aprobábase por maioría a moción presentada pola Plataforma Non á Ampliación da Depuradora dos Praceres rexeitando o anteproxecto do emisario submarino presentado tamén pola Xunta de Galicia para a ría pontevedresa.
Pero desde este colectivo lamentan que a Xunta só teña posposto a ampliación da EDAR a 2023 pero sen renunciar a súa execución e mantén o proxecto do novo emisario, coa idea de executalo este ano.
Desta forma, o movemento veciñal entende que a administración autonómica está ignorando os acordos plenarios do Concello e súmanse á petición de Javier Losada, delegado do Goberno en Galicia, que reclamou un estudo integral do saneamento da ría de Pontevedra e establecer un diálogo en que tamén estivesen presentes o Ministerio para a Transición Ecolóxica e a Subdelegación de Goberno.
Por este motivo, os veciños reclaman aos grupos políticos que insten á Xunta de Galicia a que realice un estudo integral do saneamento da ría antes de tomar unha decisión e que requira a colaboración do Ministerio. Tamén piden que pospoña calquera decisión ata que remate este estudo.
Queren tamén instar á Xunta de Goberno Local a que lle transmita ao delegado do Goberno en Galicia o interese do Concello en implicarse nestas reunións para acadar un consenso. Ademais, piden do goberno local que transmita ao resto de municipios da ría a necesidade de que se incorporen ao diálogo.