O motivo "principal" dos incendios, di o PSOE, son os "bandazos" da Xunta coas emerxencias

Pontevedra
20 de outubro 2017

Para os socialistas o motivo "principal" da vaga de incendios que arrasou a provincia de Pontevedra hai uns días é a política "errática" e "chea de bandazos" da Xunta de Galicia en materia de emerxencias. Así o destacou o seu secretario provincial, Santos Héctor, tras reunirse con alcaldes e portavoces do PSdeG-PSOE nos concellos pontevedreses

Santos Héctor con alcaldes e voceiros do PSdeG-PSOE na provincia
Santos Héctor con alcaldes e voceiros do PSdeG-PSOE na provincia / PontevedraViva

Para os socialistas o motivo "principal" da vaga de incendios que arrasou a provincia de Pontevedra hai uns días é a política "errática" e "chea de bandazos" da Xunta de Galicia en materia de emerxencias. Así o destacou o seu secretario provincial, Santos Héctor, tras reunirse con alcaldes e portavoces do PSdeG-PSOE nos concellos pontevedreses.

Os concellos, explicou o líder dos socialistas pontevedreses, víronse "sobrepasados" ao ter que facer fronte aos incendios "cos seus propios medios". Numerosos alcaldes, dixo, están a denunciar xunto cos veciños que "non apareceron" efectivos de emerxencias a apagar o lume nos seus montes.

Foron 22 os concellos que, segundo o PSdeG-PSOE, estiveron en "serio risco" a pasada fin de semana, aos que habería que engadir outros nos que se produciron incendios "de menor virulencia".

Nesta recente crise, segundo sinalou Santos Héctor, existiu unha "deficiente" coordinación destes servizos por parte da Xunta de Galicia, denunciada polos propios profesionais, e que provocou "desesperación" entre os veciños ao ter que loitar "desprotexidos e desamparados" contra o lume.

Ademais, durante a rolda de prensa, tamén se fixo eco do malestar existente polo funcionamento do 112 Galicia "con quen nin sequera era posible comunicarse nas peores horas dos lumes" e que, segundo o dirixente socialista, "claramente non está á altura" para xestionar unha situación de emerxencia desta magnitude.

"O desleixo da Xunta e do Goberno de España é o maior dos perigos", engadiu Santos Héctor, que citou entre as causas deste "caos" a ausencia dunha política "clara" de prevención, que non haxa investimentos "decididas e comprometidas" nos montes galegos, a decisión de non prorrogar os contratos a brigadistas ou ter "ignorado" as advertencias de perigo que realizaban os expertos.

MOCIÓN NA DEPUTACION E OS CONCELLOS

A este respecto, os socialistas presentarán unha moción ao próximo pleno da Deputación de Pontevedra -e que posteriormente será replicada en todos os concellos- para instar á Xunta e ao Estado para adoptar cinco medidas encamiñadas a que "esto no vuelva a ocurrir", anunciou o deputado Carlos López Font.

Así, o PSdeG-PSOE busca que se inste á Xunta a que "en los próximos seis meses" o goberno galego aprobe iniciativas para a promoción dunha política forestal que permita a conservación, a protección e a posta en valor dos montes galegos, elaboradas e pactadas cos concellos, as deputacións e a comunidade científica.

Tamén se solicita á Xunta elaborar un protocolo de actuación ante os incendios forestais, que garanta unha mellor coordinación e unha atención "temprana" ao detectarse un lume; ou que se establezan de forma "inmediata" axudas para recuperar a riqueza forestal e o patrimonio perdido polos veciños de toda Galicia.

Por último, a moción inclúe a petición ao goberno galego para que introduza no currículo educativo o ensino en valores de respecto ao medio ambiente; e que se elaboren proxectos formativos e de concienciación, dirixidos a toda a sociedade galega, para valorar, respectar e coidar o patrimonio cultural e ambiental que supoñen os nosos bosques.

Arquivado en