O mosteiro de Armenteira súmase á dixitalización do 'Tourist Inside'

O Salnés
28 de agosto 2022

Con este punto de información buscarán a total inclusión das persoas con dificultades de audición na súa oferta turística ao incorporar un bucle magnético, que lles axudará a desfrutar por completo das visitas guiadas

Mosteiro de Armenteira
Mosteiro de Armenteira / Juan Mejuto

O punto de información turística do mosteiro de Armenteira, en Meis, súmase á dixitalización grazas ao proxecto europeo 'Tourist Inside' promovido pola Deputación de Pontevedra.

Ata alí se desprazaron a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, e a tenente de alcaldesa de Meis, Araceli Maquieira, onde deron a coñecer as novidades que transformarán esta oficina aproveitando o potencial que ofrecen as últimas tecnoloxías de información e comunicación.

Con este punto de información buscarán a total inclusión das persoas con dificultades de audición na súa oferta turística ao incorporar un bucle magnético, que lles axudará a desfrutar por completo das visitas guiadas. A oficina contará tamén no seu interior cunha tableta na que as e os visitantes poderán realizar enquisas de satisfacción.

Tamén instalarán 'beacons' en 10 puntos de distintos lugares do territorio de Meis, é dicir, balizas electrónicas que transmitirán información de interese aos móbiles das e dos visitantes a través da tecnoloxía bluetooth.

Deste xeito, a oficina mellorará os servizos que ofrece e que xa en 2017 fixérona merecedora da 'Q' de Calidade turística, o distintivo que outorga o Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) e que converte á oficina nunha referencia na atención aos visitantes, dado o grao de cumprimento dos estándares e procedementos certificados.

MÁIS DE 3.000 VISITANTES EN  2022

Ata o punto de información turística do mosteiro de Armenteira achegáronse no que vai de ano un total de 3.062 persoas en busca de información, dos que un 88% foron visitantes nacionais chegados en gran maioría de Madrid, Badaxoz e Biscaia. O 12% restante corresponde ao turismo estranxeiro de Italia, Portugal ou Alemaña.

A Rede Info Rías Baixas conta con 33 oficinas adheridas e espalladas por toda a provincia de Pontevedra para garantir un servizo de atención de calidade nas oficinas de turismo dotándoas de máis medios, de novas tecnoloxías e dunha imaxe unificada a fin de mellorar o grao de satisfacción dos e das visitantes.