Este venres 31 de marzo celebrarase un acto aberto á cidadanía en Lourido coa intención de lembrar e destacar a figura de Magín Froiz, o empresario fundador do Grupo Froiz de distribución de alimentos, falecido en marzo de 2022.
Instalarase un monólito no seu recordo coa intención de que a súa figura se manteña presente para futuras xeracións, segundo indica Luciano Sobral, alcalde de Poio.
No acto previsto na glorieta da Avenida da Praia, en Lourido, nas proximidades da sede principal de Froiz, participarán familiares e autoridades. Este espazo foi seleccionado para a instalación porque era unha zona de paso habitual do empresario.
Desde o Concello lembran que o espírito altruísta de Froiz axudou a emprender máis de 2.000 iniciativas lúdicas e deportivas, moitas delas cun carácter solidario, durante os últimos anos. Ademais, a súa afección deportiva comprobouse coa creación e consolidación do equipo ciclista Súper Froiz.
Magín Froiz foi nomeado Fillo Adoptivo de Poio a finais de 2022 e neste mes de marzo entregouse á familia a acreditación que corrobora ese nomeamento, nun acto íntimo que se celebrou no Casal de Ferreirós.
O Concello convida a todo o tecido social e empresarial do municipio para participar deste acto que se iniciará ás 19.30 horas deste venres 31.