O modelo de mobilidade amable de Pontevedra trouxo ata a Deputación e o Concello capitalino ao conselleiro do Plan Urbano de Bos Aires e profesor da Universidade de Belgrano (Arxentina), Fernando Verdaguer, que veu acompañado de trinta estudantes da Facultade de Arquitectura e Urbanismo interesados en coñecer de forma directa o traballo que están a realizar as administracións provincial e local na materia, nunha viaxe especificamente organizada ao efecto.
Esta visita da comitiva arxentina xurdiu despois de que o profesor Verdaguer coincidira o pasado mes de outubro en Lima coa presidenta Carmela Silva e o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, durante a celebración do VI Congreso Iberoamericano de Seguranza Viaria (CISEV).
"Hoy por hoy Pontevedra, paradójicamente, es un ejemplo mundial", sinalou Fernando Verdaguer. "Esto de poner al peatón al máximo nivel en una ciudad parece raro en el mundo" e iso suscitou a inquedanza por coñecer este modelo.
O vicepresidente da Deputación, César Mosquera repondeulles con detalle ás numerosas preguntas que lle formularon sobre o modelo de eliminar a violencia viaria e da recuperación do espazo urbano, expoñéndoo como un dereito equivalente á educación e á sanidade.
Verdaguer mostrouse gratamente sorprendido pola transformación na cidade de Pontevedra e a súa extrapolación ao resto da provincia ainda que matiza que "algunas cosas sí, pero otras no" son exportables, pero "lo fundamental es entender quien es el propietario de una ciudad ¿el vehículo o el peatón?", dixo.
O arxentino afirmou que o concepto de mobilidade no que está a traballar Pontevedra é o de "una ciudad diferente: mucho más amable y más humana".
Verdaguer cre que a solución para Bos Aires debe ser diferente á de Pontevedra "pero deberá ter tener los mismos principios". "Queremos aprender, no copiar las soluciones, sino ver ejemplos exitosos", comentou.
O profesor da Universidade de Belgrano puxo o foco de maneira enérxica en que para implementar estes cambios "hace falta más compromiso político que técnica", subliñou.
Fernando Verdaguer é conselleiro do Plan Urbano Ambiental de Bos Aires dende xullo de 2008, ademais de profesor titular da Universidade de Belgrano. O seu longo currículo tamén inclúe que foi director xeral da Comisión de Tránsito e Transporte de Bos Aires, director de Proxectos Especiais da Asociación Argentina de Carreteras, director xeral de Arquitectura do Ministerio de Cultura, subsecretario de Tránsito e Transportes e asesor da Secretaría de Planeamento Urbano de Bos Aires, entre outras ocupacións.
A xornada programada para a comitiva arxentina comezou ás 10.30 horas na Deputación cunha reunión de traballo técnico con persoal do departamento de Mobilidade para seguir cunha recepción institucional por parte do vicepresidente Mosquera. Xa no Concello, o grupo foi recibido polos xefe do servizo de Urbanismo e o xefe da Policía Local, posteriormente nun acto oficial polo alcalde, para durante a tarde realizar unha visita ás rúas da cidade.