O modelo de cidade chegará esta primavera a Barcelona, Lisboa, Hamburgo, Évora e Madrid

Pontevedra
04 de abril 2021

A primeira cita na axenda será o 20 de abril en Barcelona. Lores participará nun debate baixo o título 'Planificar un modelo urbano da man do verde'. Os días 27 e 28 de abril Anabel Gulías participará na mesa de experiencias mundiais do German Federal Cycling Congress, organizado polo Ministerio federal de transporte de Alemaña

Circulación polas rúas de Pontevedra
Circulación polas rúas de Pontevedra / Mónica Patxot

A Deputación de Barcelona, a Universidade Autónoma de Madrid (UAM), o Ministerio de Transportes de Alemania, a International Play Association-Portugal e o Concello de Évora serán anfitrións do Concello de Pontevedra durante a primavera de 2021 para que poida explicar o modelo de cidade implantado nos últimos anos e o proxecto do Efecto PO2.

Segundo a información facilitada este domingo polo Concello de Pontevedra, o departamento de Promoción da Cidade, que dirixe Anabel Gulías, recibiu nos últimos meses invitacións a diversos encontros que xa ten axendados e afondarán na proxección da cidade a nivel español e internacional en países como Alemaña ou Portugal

A primeira cita na axenda será o 20 de abril en Barcelona. Con motivo do 40 aniversario do Servizo de Medio Ambiente, a Deputación de Barcelona organiza un ciclo de seminarios estruturados en coloquios entre representantes da política municipal co propósito de coñecer o liderado sobre proxectos inspiradores de sustentabilidade, aporte de criterios e experiencia.

A presidenta da Deputación de Barcelona, Nuria Marín Martínez, remitiu unha carta ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, para solicitarlle a súa participación na cita e destacar que a achega e experiencia estratéxica e innovadora de desenvolvemento sostible que implantou Pontevedra "serán un exemplo inspirador para o conxunto do ámbito local".

Lores participará nun debate baixo o título 'Planificar un modelo urbano da man do verde' o 20 de abril entre as 10.00 e as 12.00 horas.

A seguinte cita será os días 27 e 28 de abril en Hamburgo. Anabel Gulías participará na mesa de experiencias mundiais do German Federal Cycling Congress, organizado polo Ministerio federal de transporte de Alemaña.

Este congreso será presencial e en liña e a mesa á que está convidada Pontevedra pretende recoller as "mellores prácticas internacionais das que todo o mundo está falar na actualidade e poderían converterse nas novas tendencias da próxima década", en palabras dos organizadores.

Nunha especie de xogo "pitch", Pontevedra tratará de convencer en 3 minutos ña audiencia sobre o modelo de cidade. Competirá con outras localidades como Hamburgo ou Berlín e, de resultar gañadora, disporá de 10 minutos máis na súa exposición e poderá responder ás preguntas do público.

Un mes despois, o 27 de maio, a axenda levará o modelo urbano a Madrid. Será nunha sesión monográfica "Urbanismo e mobilidade sostibles" organizada polo Departamento de Estrutura Económica e Economía do Desenvolvemento da Universidade Autónoma de Madrid (UAM). Esta sesión está incluída dentro dun foro sobre mobilidade sostible e inclusiva.

Nesas mesmas datas, do 28 ao 30 de maio, a International Play Association-Portugal convidou a Pontevedra a unhas xornadas sobre o xogo infantil organizadas en colaboración coa Facultade de Motricidade Humana da Universidade de Lisboa e o Concello de Cascais.

O título das xornadas, motivadas pola Covid-19, será "Xogar coa incerteza e cos desafíos" e os organizadores buscan de Pontevedra amosar como se pode facer unha cidade na que os nenos e os adultos poidan camiñar, xogar e ter acceso ao lecer nunha contorna segura, e no que os coches non dominen o espazo público.

No propio convite asegúrase que "Pontevedra é un exemplo en canto a urbanismo e mobilidade amigable, que ten en conta as necesidades de dereitos da infancia, como o dereito ao xogo rexistrado no artigo 31 da Convención dos Dereitos do neno".

A seguinte cita xa axendada será o 8 de xuño. Pontevedra está convidada polo concello portugués de Évora a participar no workshop 'A mobilidade urbana e a acessibilidade como factores de desenvolvemento sustentable'. Abordaranse cuestións relacionadas coa política de mobilidade urbana como factor de desenvolvemento e a importancia da accesibilidade para todos os espazos culturais e patrimoniais.

RECTA FINAL DO ANO

O Concello tamén ten en axenda un convite da Mesa polo clima de Granada para participar no mes de novembro un Congreso internacional virtual co título 'Acción local fronte ao cambio climático'. A participación de Pontevedra estaría enmarcada dentro dunha mesa redonda sobre 'A mitigación e adaptación ao cambio climático dende as cidades'.