O misterio das cartas que mantivo en albas o colexio de Marcón

Pontevedra
21 de decembro 2022

O alumnado de terceiro e cuarto de Primaria do CEIP de Marcón recibiu durante o último trimestre unha serie de cartas anónimas escritas por unha reporteira que non se identificaba. Tras un intercambio de correspondencia, eles elaboraron dous xornais e este mércores puideron poñerlle cara e nome. Pero gardarán o secreto

Charla sobre xornalismo con alumnado de terceiro e cuarto de primaria do colexio de Marcón
Charla sobre xornalismo con alumnado de terceiro e cuarto de primaria do colexio de Marcón / CEIP Marcón

Alejandro ten 11 anos e o soño de dirixir un xornal, pero non ten nin reporteiros nin recursos para poñelo en marcha, ademais de descoñecer como é o traballo xornalístico. Isto non o detén e pon un anuncio no patio do colexio: "Director de xornal busca xornalistas...". É o punto de partida do libro Siete reporteros y un periódico, de Pilar Lozano, que este primeiro trimestre tivo como lectura obrigatoria o alumnado de terceiro e cuarto de Primaria do CEIP de Marcón

Paralelamente ao traballo na aula sobre o xornalismo, este alumnado converteuse en protagonista da súa propia noticia. En realidade, dun misterio. Empezaron a chegar ao colexio unha serie de cartas anónimas escritas por unha reporteira que non se identificaba. 

A intriga apropiouse do alumnado e o profesorado do colexio, que cada día reaccionaba con nerviosismo cando a conserxe do centro se achegaba ás súas aulas con correo. 

Tres cartas e unha postal mantiveron o misterio ata o último momento, sen que ninguén coñecese a identidade da xornalista anónima. O alumnado foi respondendo as misivas enviadas por esta reporteira, que lles encargou que elaborasen o seu propio xornal ou radio. 

Alumnos e alumnas crearon desde cero os seus propios xornais, un por curso, mostrando bos dotes de reporteiros tanto polo interese dos temas seleccionados como pola boa calidade das informacións e fotografías redactadas. 

Como colofón ao traballo xornalístico e ao misterio que lles mantivo intrigados todo o trimestre, este mércores recibiron unha sorpresa. A "reporteira misteriosa", como eles a bautizaron, apareceu sen previo aviso de visita no centro, resolvendo o enigma.

O alumnado e as súas profesoras puideron poñerlle cara e nome e ela someteuse a unha exhaustiva entrevista por parte dos aspirantes a xornalistas. 

Os mozos aprendices deste oficio, a pesar da súa curta idade, mostraron gran destreza á hora de realizar a súa entrevista e puideron coñecer un pouquiño máis de preto a identidade da súa compañeira de correspondencia anónima, unha antiga alumna do colexio de Marcón que leva 20 anos exercendo a profesión. 

A súa identidade, con todo, a partir de agora, quedará entre estes alumnos e as súas profesoras. Tan só eles puideron resolver o enigma e, como bos xornalistas, saberán gardar o segredo