O ministro do Interior cre que o Concello incita ao odio ao declarar non grato a Rajoy

Pontevedra
24 de febreiro 2016

Tamén o presidente do Goberno en funcións, Mariano Rajoy, volveuse a referir este mércores á declaración de "persoa non grata", foi durante unha entrevista en Antena 3, afirmando que "ni a Hitler ni a Stalin los declararon persona non grata en Pontevedra"

Jorge Fernández Diaz, ministro do Interior
Jorge Fernández Diaz, ministro do Interior / Partido Popular

Durante a presentación do balance de 2015 de delitos de trata de seres humanos e delitos de odio, o ministro do Interior en funcións, Jorge Fernández Díaz, referiuse ao nomeamento de persoa non grata do presidente en funcións, Mariano Rajoy, por parte do Concello de Pontevedra.

Fernández Díaz ve conexións entre a declaración de "persoa non grata" e un delito de odio ou, polo menos, a incitación a el.

"A lo mejor encontramos alguna conexión entre esa declaración y los delitos de odio", dixo o ministro antes de subliñar que esas iniciativas poden incitar á violencia e ao odio nas súas diversas manifestacións.

O ministro considera "lamentable" que o concello tomase esa iniciativa, que "ofende más a quien la realiza que a quien la padece" xa que o Concello "ni se respeta a sí mismo ni a sus vecinos" porque entende que ese tipo de cualificativos deberían dedicarse "a violadores o terroristas", pero non a persoas ilustres como é o caso de Mariano Rajoy, "que es hijo adoptivo de esa ciudad".

NIN A HITLER NIN A STALIN

Tamén o presidente do Goberno en funcións, Mariano Rajoy, volveuse a referir este mércores á declaración de "persoa non grata". Foi durante unha entrevista en Antena 3, afirmando que "ni a Hitler ni a Stalin los declararon persona non grata en Pontevedra".

Rajoy asegurou que esta declaración do concello da súa cidade doeulle mesmo "mucho más" que a puñada que lle deu unha "persona aislada", tamén en Pontevedra, durante a campaña electoral.

Rajoy lembrou que cando lle pegaron a puñada Fernández Lores escribiulle unha carta que el agradeceu moito e que contestou, pero "no debió" de apoiar esta iniciativa que se aprobou agora, "porque no gana nada con eso".