O Ministerio para a Transición Ecolóxica arquiva os parques eólicos Rula, Tramontana e Siroco

Ponte Caldelas
25 de xaneiro 2023

O Ministerio procedeu ao arquivo destes expedientes ao verificar que non constan os informes preceptivos da comunidade autónoma relativos á avaliación ambiental

Parque eólico
Parque eólico / Juan Mejuto

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico arquivou o proxecto de parque eólico promovido por Green Capital, denominado ‘Rula’, de 55MW en Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas e o promovido por Greenalia, que agrupaba os parques ‘Tramontana’, de 72,5 megavatios (MW), e ‘Siroco’, de 61,6 MW en montes de Cerdedo-Cotobade, Forcarei e Silleda.

O Ministerio procedeu ao arquivo destes expedientes ao verificar que non constan os informes preceptivos da comunidade autónoma relativos á avaliación ambiental. 

O escrito remitido ao ministerio pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia non incorpora a análise dos aspectos ambientais que son da súa competencia.

Pola contra, o ministerio que dirixe a vicepresidenta terceira do Goberno, Teresa Ribera, desbloqueou novos parques eólicos no resto do territorio galego que suman unha potencia de 712,2 megavatios.

Transición Ecolóxica deixa resoltos un total de 11 expedientes eólicos, dos cales 7 se resolveron favorablemente, 1 resultou desfavorable e 3 foron arquivados por carecer da documentación preceptiva sobre o impacto ambiental que debía remitir a Xunta. 

 

Arquivado en