O alcalde de Pontevedra e presidente das Cidades que Camiñan, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo este luns en Madrid unha reunión coa secretaria xeral de Transporte e Mobilidade, María José Rallo del Olmo.
O rexedor pontevedrés defendeu as alegacións presentadas ao texto da nova Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética, para que á hora de implantar as chamadas Zonas de Baixas Emisións (ZBE) se teñan en conta medidas que vaian máis alá de implantar peaxes urbanas ou forzar as compras de novos vehículos con etiqueta ECO.
Segundo informou o alcalde, a reunión tivo un carácter "moi positivo" e secretaria xeral afirmou que desde o Goberno estarían "abiertos a modular lo que sea necesario para cumplir los objetivos finales de la ley", como é a redución de gases de invernadoiro, e que ésta "nunca entrará a cambiar" modelos coma o de Pontevedra que demostran ser funcionais e "referentes no mundo", facendo fincapé en que a lei non nacerá coa vontade de castigar ou empeorar espazos que fixeron un traballo recoñecido neste sentido.
"Tenemos voluntad de hacerlo y está claro que estamos de acuerdo. Si el ministerio de Medio Ambiente no pone trabas, a nosotros nos parecerá perfecto cambiar o ampliar la redacción del texto en base a estas propuestas", sinalou Rallo del Olmo.
Na práctica, as propostas enviadas por Cidades que Camiñan defenden que se teña en conta modelos coma o de Pontevedra, que se demostran mesmo máis efectivos para a redución de tráfico innecesario na cidade e, polo tanto, na redución de gases e contaminación na cidade fronte aos métodos de pago xa nomeados.
Á saida da reunión, Miguel Anxo Fernández Lores sinalou que "logramos transmitir a nosa preocupación pola redacción da futura lei de mobilidade".
"Nós, xa o dixemos moitas veces, cremos que hai unha alternativa que pasa pola limitación de tráfico até chegar ao número de vehículos necesarios e imprescindíbeis para que a cidade funcione. Non quita isto, por suposto, que non apoiamos a chegada aos poucos de vehículos menos contaminantes", engadiu o alcalde de Pontevedra.
"Foi unha reunión na que se mantivo unha posición moi receptiva por parte do ministerio e que afirmaron que terán en conta as nosas alegacións na procura de alternativas diferente ás recollidas na Lei de Transición Ecolóxica e no primeiro borrador da Lei de Mobilidade. Quedamos a espera de que estuden as nosas alegacións, e de que fagan unha redacción nova e que nola remitan, tal e como se comprometeron", resumiu o rexedor capitalino.