O Ministerio de Transición Ecolóxica proxecta un novo emisario submarino para a depuradora de Paxariñas

Poio
20 de agosto 2022

O proxecto de "Mellora da depuración de Sanxenxo e saneamento de Raxó", do Ministerio de Transición Ecolóxica inclúe un novo emisario submarino fabricado en polietileno de alta densidade que terá unha lonxitude de 1.2 quilómetros

Depuradora de Paxariñas, Sanxenxo
Depuradora de Paxariñas, Sanxenxo

O proxecto de "Mellora da depuración de Sanxenxo e saneamento de Raxó", do Ministerio de Transición Ecolóxica inclúe un novo emisario submarino fabricado en polietileno de alta densidade que terá unha lonxitude de 1.2 quilómetros.

Será unha tubaxe de 710 milímetros para un caudal máximo de 557 litros por segundo e que terá un trazado paralelo ao existente. 

O tramo inicial duns 600 metros ata alcanzar unha profundidade de 10-12 metros discorrerá enterrado, o resto instalarase apoiado sobre o fondo con lastres de formigón. O tramo difusor terá 107 metros, 8 elevadores con dúas bocas difusoras cada un. A descarga realizarase aproximadamente a 20 metros de profundidade. 

O tramo terrestre do emisario conta con capacidade suficiente polo que se aproveitará. Así mesmo, prevese manter a parte operativa do emisario submarino actual que se utilizará como by-pass ou emisario auxiliar para operacións de mantemento.

Todos estes detalles inclúense no informe de impacto ambiental que esta semana publicou o Boletín Oficial do Estado.

A obra inclúe a ampliación da EDAR de Paxariñas con incremento da súa capacidade, dúas liñas de tratamento biolóxico, catro novos decantadores secundarios, dúas liñas de desinfección ultravioleta, novo edificio desodorizado de lodos activos con tambores espesadores, tres liñas de deshidratación e silo de almacenamento de lodo adicional.

Tamén o mantemento da configuración de bombeos actuais con inclusión do sistema Raxó-Samieira e incremento da capacidade de transporte: novo bombeo e impulsión de Raxó, novo colector en Areas, novo bombeo e impulsión de Areas, substitución do equipamento dos bombeos de Porto de Sanxenxo e Espiñeiro e substitución do colector xeral de Portonovo.

Excepto a EDAR de Paxariñas, que se sitúa fóra de zonas de protección, o resto de actuacións de maneira xeral atópanse en terreos de dominio público marítimo- terrestre ou nas súas zonas de servidume.

Para a ampliación da EDAR prevese incluír un terreo lindeiro duns 8.000 metros cadrados. Ademais, prevese o incremento da potencia demandada que se atenderá desde a mesma liña aérea que serve á planta actual, proxectándose o seu soterramento. A subministración de auga e o acceso á planta manteranse.

A execución do proxecto estímase para un período total de 30 meses (18 de execución + 12 de posta en marcha). A construción realizarase en etapas, preservando en todo momento a continuidade do proceso. 

 

Arquivado en