O Mercantil organiza un campamento pirata para nenos durante o entroido

Pontevedra
04 de febreiro 2015

Trátase dunha actividade para nenos de 7 a 12 anos que se desenvolverá durante os días 16 e 17 de febreiro cun prezo de 30 euros, con desconto de 6 euros para os socios do Mercantil. As actividades van realizarse no centro histórico con visitas á casa de Benito Soto

Presentación do Campamento Urbano Pirata do Mercantil para o entroido
Presentación do Campamento Urbano Pirata do Mercantil para o entroido / PontevedraViva

O Casino Mercantil pon en marcha un campamento urbano infantil que se desenvolverá no centro histórico durante as próximas festas de Entroido, os días 16 e 17 de febreiro, destinado a nenos de entre 7 e 12 anos. A cota de inscrición será de 30 euros cun desconto de 6 euros para os socios.

Durante estas xornadas, os menores participarán desta actividade ambientada na historia pirata de Pontevedra na que coñecerán detalles sobre a vida do famoso corsario pontevedrés Benito Soto e recoméndase aos nenos que vaian disfrazados con atavíos relacionados con este tema.

A actividade realizarase en exteriores, salvo que a chuvia obrigue a desenvolvela no propio salón do Casino Mercantil en Curros Enríquez. Os participantes contarán con dúas merendas e unha comida na que non faltarán doces como filloas e orellas típicas destas datas.

Para inscribirse é necesario achegarse pola sede do Casino Mercantil antes do 12 de febreiro. O límite de prazas admitido é de 60 nenos.

Roberto Vega, presidente do Mercantil de Pontevedra, sinalou en compañía de Ernesto Filgueira, vicepresidente da sociedade e representante do Centro Comercial Zona Monumental, que o obxectivo é que os nenos se divirtan e converter este evento nunha actividade previa á Noite Pirata que organiza o Concello.

Arquivado en