Novo intento por cubrir as vacantes no mercado de abastos de Pontevedra. O goberno municipal sacará a licitación as 55 bancadas e as nove casetas dispoñibles na planta baixa da praza municipal. Será mediante o procedemento de libre concorrencia por poxa.
En concreto, sacarán a concurso 55 bancadas das 114 existentes no mercado (hai 59 ocupadas, 15 delas de flores). Son 52 bancadas de peixe e tres de froita, así como seis casetas interiores de carne das 30 casetas interiores que hai e tres casetas exteriores, dúas de confección e unha de prensa, das 19 casetas que ten a fachada principal.
Os concesionarios deberán satisfacer as taxas correspondentes melloradas á alza segundo as súas propostas, fixándose o importe destes canons polo prazo total de concesión, que é de 25 anos.
As taxas mínimas que se deben ofertar polos licitadores por cada número de posto, en función do seu tipo, serán os seguintes (canon base a 25 anos): bancada de peixe, 3.872 euros; bancada de froita, 3.872 euros; caseta interior, entre 9.680 e 13.552 euros, e caseta exterior, 8.131 euros. As ofertas que se formulen por debaixo destes mínimos serán rexeitadas e os licitadores excluídos do procedemento.
Tódolos solicitantes que estean propostos para ser beneficiarios das concesións están obrigados a presentar autoliquidación e realizar o pagamento do canon ofertado. Independentemente do pago do canon mínimo, os adxudicatarios deberán satisfacer mensualmente, durante a vixencia da concesión, as taxas de servizo establecidas na ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación de servizos nos mercados municipais.
Son: bancada de peixe, 38 euros mensuais; bancada de froita, 41 euros; caseta interior, entre 56 e 78 euros, e caseta exterior, 47.
Así mesmo, correrán por conta de cada concesionario os tributos relativos ao exercicio de cada actividade, os que graven a constitución destas concesións, os de formalización pública dos títulos das concesións e demais derivados das propias concesións.