Continúa a polémica ao redor do aceso das luces de Nadal en Pontevedra. Nesta ocasión, o novo capítulo chega coa inauguración da iluminación do Mercado de Abastos por parte de Yoya Blanco, concelleira socialista responsable de Promoción Económica no Concello de Pontevedra.
Neste acto atopábanse outros concelleiros do PSOE como Iván Puentes e Marcos Rey, ademais da parlamentaria galega Paloma Blanco. No acto non se atopaba ningún representante do BNG, pero si concelleiros do Partido Popular como Pepa Pardo e Guille Juncal. Ademais, José María Corujo, presidente de AEMPE; Jesús Rey, presidente de AJE Pontevedra; e Miguel Lago, presidente da Zona Monumental tamén se achegaban xunto a representantes de HOempo ata a Praza de Abastos para observar a decoración que conta cun orzamento de 40.000 euros.
Yoya Blanco cualificou a decoración como "espectacular" e xustificou este acendido en que esta ponte, a principios de decembro, se converte nunha data perfecta para animar a realizar as compras no mercado local. Convidou á cidadanía para realizar o "primeiro photocall do Nadal" na entrada ao edificio da Rúa Serra onde se instalou un decorado en forma de bóla de cristal.
Preguntada sobre as declaracións de Anabel Gulías, portavoz do goberno local, sobre a decisión de atrasar a iluminación debido ao aforro enerxético; Yoya Blanco asegurou que desde o seu departamento levan desde o mes de agosto traballando no deseño do programa de Nadal: "nós fixemos os deberes e somos moi respectuosos co aforro enerxético. Imos empregar luces Led e mantemos un coidado absoluto polo medio ambiente", expresou a concelleira.
Sinalou que o ambiente na rúa e a presenza de luces son "imprescindibles para o comercio e a hostalería". Sinalou tamén que, en breve, iniciaranse as instalacións das cinco carpas de Ponte Xogos na Alameda.
AEMPE E AJE, CRÍTICOS COA FALTA DE ILUMINACIÓN NO RESTO DA CIDADE
José María Corujo, presidente de AEMPE, afirmou que "é triste que esteamos nesta situación a estas alturas do Nadal". O representante dos empresarios da pequena e mediana empresa de Pontevedra explicou que "a iluminación de Nadal tira de todo, tira do espírito, do peto, do consumo" e engadiu que para o bo funcionamento da economía circular é preciso consumir.
Ás explicacións ofrecidas pola parte do BNG do goberno local para xustificar o atraso, Corujo asegurou que "noutras experiencias próximas e en todo o mundo está a demostrarse o contrario" e engadiu que "se queremos mover o comercio, a hostalería e servizos temos que propiciar que se mova esa economía nun plano o máis normal posible, non digo especial como outras poboacións próximas", en clara referencia a Vigo.
Indicou que a súa colaboración co Concello durante as campañas de Nadal redúcense a indicar rúas que se deben iluminar pero rexeitou que AEMPE conte con fondos económicos para asumir a iluminación nestas datas.
Pola súa banda, o presidente de AJE Pontevedra, Jesús Rey, sinalou que a medida adoptada de atrasar a iluminación en Pontevedra sorprendeu aos socios. "Necesitamos remedialo canto antes, porque necesitamos xerar negocio en Pontevedra. Parece que aos autónomos, que á empresa non se lle ten en conta. Promover o Nadal é promover o comercio e a hostalería".
Rey mostrou a súa preocupación por esta falta de luces de adorno na cidade "deixar que pase o tempo e ser os últimos creo que é un erro. Os hostaleiros e o comercio necesitan un apoio. Que aquí, que no Mercado, se empezase a decorar é un avance".
Por último, entende que será difícil cuantificar se o atraso lumínico supoñerá un "aforro real" para afirmar que "máis que aforrar economicamente neste sentido hai que apoiar aos que xeran estes impostos que nos permiten ter un estado de benestar. Para iso hai que xerar comercio e negocio na cidade, así apoiariamos ao veciño e estariamos a axudar. Da outra maneira, non teño tan claro que sexa beneficioso para alguén", concluíu.
DECORACIÓN
Tres peixes artísticos con iluminación interior, un deles de 2,50 metros de lonxitude, presiden a fachada do Mercado de Abastos con tres esferas que van dos 50 aos 80 centímetros de diámetro. Ademais, a burbulla photocall de dous metros de diámetro permitirá que as persoas que así o desexen fáganse fotografías coa mensaxe de Bo nadal.
Tamén se inclúen esferas de fantasía con bólas verdes de vexetación no Gastroespazo; instalacións laterais de musgo vermello e recubrimento da parte superior dos postos de venda do peixe con diversas decoracións súmanse a outros elementos vexetais colgantes na entrada principal.
Nesta montaxe instaláronse 15 focos Led W600; seis bólas de espellos de 50 centímetros e cinco de 20; un microled no arco da entrada e seis tiras de lámpadas de dous metros.