Barro renova o seu mercado ambulante. Tras o remate da concesión do contrato cos seus xestores actuais, o goberno municipal recuperará a súa xestión pública. Será a partir do domingo 2 de abril.
As solicitudes de autorización para a venda no mercado poderán presentarse a partir do 27 de febreiro nas oficinas municipais.
Os interesados terán que achegar toda a documentación necesaria esixida pola normativa reguladora da venda ambulante da Xunta de Galicia e a ordenanza municipal correspondente.
Os vendedores que se veñen instalando de forma habitual no mercado, que en Barro se celebra todos os domingos, poden solicitar a reserva do espazo que viñan utilizando ata o 6 de marzo. Os espazos que queden libres serán adxudicados en libre competencia.
Unha vez aceptada a solicitude, e feito o ingreso da taxa municipal -que ascende a dos euros por metro lineal- o Concello entregará unha tarxeta identificativa do posto que deberá estar exposta nun sitio visible.