A decisión do Concello de Pontevedra de atrasar ata o 16 de decembro a decoración lumínica da cidade non afectará o mercado, que se adiantará en 11 días á iluminación do resto de Pontevedra.
A praza de abastos da rúa Serra comezará xa esta semana co proceso de decoración e está previsto que o vindeiro luns 5 de decembro inaugúrese, dando a Pontevedra a súa primeira imaxe do Nadal de 2022.
Así o confirmou este luns a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, responsable da xestión do mercado, durante a xornada de clausura do I Foro Think Tank de Gastronomía e Sustentabilidade no Gastroespazo do mercado.
Blanco tamén confirmou que durante a segunda semana de decembro comezará na Alameda de Pontevedra a instalación de toda a decoración e a infraestrutura necesaria para as actividades de Pontexogos, que cada Nadal aglutina a programación municipal para os nenos e nenas.
A concelleira de Festas, Carme da Silva, xustifica este atraso na iluminación do resto da cidade, que adoita acenderse uns 10 días antes, apelando á "responsabilidade" municipal ante a crise ambiental que atravesa o planeta e os prezos desorbitados da enerxía.
As luces de nadal estarán acendidas entre o 16 de decembro e o 8 de xaneiro, uns dez días menos que en 2021. Poderán verse entre as seis da tarde e as dúas da madrugada, excepto en Noiteboa e Fin de Ano que estará activa ata as catro.
Esta decisión de atrasar o aceso causou malestar entre comerciantes, hostaleiros e cidadanía e xa levou a iniciar unha recollida de firmas para cuestionar a decisión por "arbitraria e insolidaria" cun sector que "foi un dos mais afectados" pola pandemia e "está a pagar agora tamén a crise económica derivada da invasión de Ucraína".