A Alameda será, salvo cambio de última hora, o novo emprazamento do mercadiño ambulante dos sábados. Así o confirmou este venres a edil de Promoción Económica, Yoya Blanco, que adiantou que os feirantes estrearán este novo espazo "en breve".
Os 55 postos actuais da feira "caben perfectamente" na Alameda, segundo Blanco, que visitou este venres a zona acompañada polos portavoces do sector, a técnica municipal e o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes.
Neste encontro acordaron que a mellor opción para ordenar a oferta comercial do mercadiño é que os postos de venda de plantas e alimentación estarán situados na área da Alameda máis próxima a San Roque, mentres que os de téxtil, cara á Praza de España.
"Que a feira veña para aquí é unha boísima noticia para a hostalería e o comercio do centro da cidade", sostivo a responsable de Promoción Económica, que asegurou que "creará sinerxias e xerará máis actividade económica".
Para autorizar o traslado da feira só falta o informe da Policía Local, que para Yoya Blanco é "básico" e que esperan telo a próxima semana. Tras ese permiso "poñeremos a data de inicio", explicou. "Os ambulantes están con ganas e nós tamén", engade.
Marga González Bértola, portavoz dos feirantes, defendeu que a Alameda é unha localización "formidable" para a feira. "Estamos con todas as ganas do mundo", sinalou, tras lembrar que estes mercados "están no centro das cidades en todas partes".
"Isto servirá para achegar economía á hostalería e ao comercio local", sinalou.
Entre as peticións deste colectivo, que van ser atendidas, atópanse que se fagan certas actuacións na zona para "arrombar o terreo".
Así, segundo avanzou Iván Puentes, serán actuacións "sinxelas" que se limitarán a acondicionar o terreo nunha "zona reducida", a entrada enfronte do ambulatorio. Alí, os días de choiva, acumúlase auga e barro que dificulta o tránsito peonil.
No resto da Alameda, asegurou o responsable de Desenvolvemento Sostible, "non teremos que facer máis que o mantemento ordinario que xa se fai" para evitar a aparición de maleza e herba e revisar o estado das árbores.