O concurso de escaparates de Nadal xa ten gañador. A tenda Moma, situada na Plaza de San José, foi o establecemento máis valorado polo público e, polo tanto, o merecedor do primeiro premio deste certame, valorado en 1.300 euros.
Os edís Yoya Blanco e Iván Puentes entregaron este venres o diploma que acredita a esta tenda como a gañadora do concurso, que tamén premiou a outros catro participantes.
Así, o segundo premio (800 euros) foi para a tenda de mascotas Pequeñitos y adorables, mentres que o terceiro (500 euros) foi para Trülock e o cuarto (200 euros) para Aromara.
Entre os clientes que participaron nas votacións repartíronse dez vales de 60 euros para gastar nos comercios inscritos neste concurso de escaparates.
Os dez comercios finalistas foron seleccionados, de entre 47 propostas participantes, por un xurado composto pola deseñadora de interiores Hilenia Iglesias, a técnica forestal Luz Gómez Señoráns, o escritor Manel Loureiro, a artista e docente Carmen Hermo e alumnos dos ciclos de xestión de vendas e comercialización de produtos alimentarios do IES de Monte Porreiro.
Á hora de realizar as súas valoracións, todos eles avaliaron aspectos como a composición do escaparate, a orixinalidade na temática de Nadal, o uso dos artigos que se comercializan como elementos decorativos ou a interacción co público.
O emprego de técnicas sostibles, materiais de refugallo ou elementos naturais (de uso obrigado) e o grao estimado de traballo empregado na conformación do escaparate final foron outros dos criterios avaliados para elixir os finalistas.