A Consellería de Sanidade pon en marcha a campaña de vacinación fronte á gripe para minimizar o número e gravidade das complicacións derivadas do seu padecemento, que este ano adquire unha maior relevancia pola posibilidade de convivencia coa actual pandemia da covid-19.
Para os traballadores sanitarios a campaña comenzou o pasado luns. Para o resto dos galegos comezará este martes, 13 de outubro, e a campaña prolongarase durante 11 semanas de xeito continuado ata o vindeiro 31 de decembro. Durante este tempo a vacina estará dispoñible en centros de saúde, hospitais, consultorios e centros médicos, residencias da 3ª Idade e centros de menores.
A Consellería de Sanidade establece como obxectivos da campaña a vacinación igual ou superior ao 75% tanto da poboación de 65 e máis anos como dos traballadores sanitarios do Sergas, mentres que nas mulleres embarazadas e persoas con risco o obxectivo se sitúa en superar unha cobertura do 60%.
POBOACIÓN DIANA
A poboación diana da campaña á que se lle oferta gratuitamente a vacina son: as persoas de 60 ou máis anos, especialmente os de 65 ou máis anos ou as que convivan en institucións pechadas; as persoas de menos de 60 anos que teñen un risco de complicacións derivadas da gripe; e mulleres embarazadas ou ata os 6 meses seguintes ao parto, de non terse vacinado no embarazo. Ademais ofértase as persoas que lles poden transmitir a gripe a outras con alto risco de complicacións, como o persoal de centros sanitarios públicos e privados, traballadores de centros de maiores e dos servizos municipais de atención a domicilio ou estudantes nos períodos de prácticas en centros sanitarios, entre outros.
Tamén se lles recomenda a vacinación fronte a gripe aos traballadores esenciais para a comunidade e aqueles que están expostos a aves ou cerdos nas explotacións avícolas, porcinas e aves silvestres.
A Consellería de Sanidade conta con 865.830 doses de vacinas para Galicia nesta campaña, 200.000 máis que na pasada, e como principal novidade inclúese una nova vacina dirixida a poboación institucionalizada maior de 65 anos.