O malestar da veciñanza de Combarro levou a que a deputada socialista Paloma Castro en colaboración co tenente de alcalde de Poio, Gregorio Agís, e o concelleiro de Obras, Julio Casás, rexistrase unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia debido ao peche do aparcamento situado na chaira próxima ao peirao da Canteira. Ese espazo agora será utilizado para almacenar materiais que se utilizarán nas obras do emisario submarino.
Castro denuncia a supresión de 85 prazas de aparcamento a falta de tres días do inicio da tempada estival. A decisión, adoptada por Portos de Galicia, supón a imposibilidade de acceder a esta zona de estacionamento do porto e, segundo os socialistas, causa graves prexuízos para establecementos, veciñanza e visitantes nunha parroquia "eminentemente turística".
Consideran que a decisión da Xunta carece de lóxica e supón "un agravio máis do goberno galego cara a Poio". Engaden que a realización das obras terá "graves consecuencias" sobre o tráfico da PO-308, que une Pontevedra e Sanxenxo a través de Poio. Indican que o tránsito de camións pesados colapsará aínda máis o tráfico normalmente masificado nesta vía durante o verán.
Os socialistas piden á Xunta que actúe "de forma coherente" e rectifique esta decisión. Propoñen que Augas de Galicia traslade a provisión de material ao porto de Marín, onde xa existe un lugar habilitado para este tipo de situacións sen ocasionar prexuízos.
Paloma Castro tamén urxe a que o executivo galego conceda de maneira inmediata os permisos para acometer con urxencia as obras de construción dun aparcamento no paseo de As Redeiras. O Concello de Poio iniciou unha solicitude de concesión demanial de terreos en dominio público portuario en Combarro para crear novos espazos para estacionar 25 vehículos. A día de hoxe, segundo explican, carecen de autorización para o inicio das obras que asumiría o goberno municipal na súa totalidade.