O mal tempo desmobiliza a limpeza de pellets no Carreirón: "Retirar iso vai ser un traballo titánico"

O Salnés
08 de xaneiro 2024

Ante a choiva persistente, e a falta de voluntarios, non realizaron limpeza, pero si que vixiaron a presenza de pellets na praia. A súa intención é, nos vindeiros días desta semana, coordinar coa confraría, coas agrupacións de pescadores e co Concello para, de cara á próxima fin de semana, "estar atentos e proceder a limpar"

Os concelleiros da Illa de Arousa Manuel Suárez e Laura Castro, no parque do Carreirón
Os concelleiros da Illa de Arousa Manuel Suárez e Laura Castro, no parque do Carreirón / Mónica Patxot

A quedada aberta ao público xeral convocada polo BNG da Illa de Arousa para a limpeza de pellets nas praias do parque natural do Carreirón pinchou a causa do mal tempo. Logo de que empezaron a aparecer microplásticos nos areais deste municipio durante a fin de semana, convocouse unha limpeza para este luns, aproveitando que era día festivo local, pero o mal tempo da tarde fixo que ninguén acudira á cita.

Acudiron Manuel Suárez, tenente de alcalde, e a concelleira de Cultura, Igualdade e Servizos Sociais, Laura Castro, os dous do BNG. Ante a choiva persistente, e a falta de voluntarios, non realizaron limpeza, pero si que vixiaron a presenza de pellets na praia. 

Manuel Suárez deu a coñecer que a semana pasada, despois de levar semanas xa detectando estes pellets en Muros, Noia e outras zonas de Galicia, detectouse na Illa de Arousa a presenza do primeiro saco. Foi o xoves 4 na zona oeste da illa.

O venres pola tarde apareceu outro saco no Carreirón, na zona que mira cara á boca da ría. A partir dese momento, o Concello decidiu montar un dispositivo para facer un varrido da zona e "ver a realidade coa que nos iamos a atopar". Desde o Concello pensan que "as máis afectadas van ser as zonas que están orientadas cara á boca da ría". 

O domingo os primeiros voluntarios autoorganizados acudiron a limpar e este luns había esta convocatoria. A súa intención era, en función do número de xente que acudira, facer grupos para intentar abarcar a maior parte de praias posibles e vixiar a presenza dos plásticos, pero non se puido facer por falta de xente.

"O día de hoxe non acompaña, está chovendo, non para de chover, hai un pouco de frío", lamenta. A súa intención é, nos vindeiros días desta semana, coordinar coa confraría, coas agrupacións de pescadores e co Concello para, de cara á próxima fin de semana, "estar atentos e proceder a limpar".

Actualmente, neste municipio hai moita preocupación porque, tal e como sinala Manuel Suárez, "acontece máis unha vez que tras un verquido non se toma ningún tipo de medida".

Lembra que os pellets caeron dun buque fronte á costa de Viana do Castelo o 8 de decembro e "en vez de atacar o verquido no momento inicial, cando todo está dentro dun contedor, cando todo está dentro de bolsas de 25 quilos, agora topámonos con aproximadamente 25 toneladas de microplásticos que están dispersos pola costa galega".

Como consecuencia desa falta de acción, "agora, loxicamente, retirar iso vai ser un traballo titánico. Cando se puidera ter acometido, desde o minuto 1", sinala.

Para Suárez, esta catástrofe volve "poñer de manifesto a falta de medios, a falta de recursos" e o "deixamento e non exercicio das súas competencias" tanto da Xunta de Galicia como do Goberno do Estado. "E agora vémonos aquí os concellos e os veciños intentando minimizar o impacto da catástrofe", lamenta.

Arquivado en