O científico de orixe escocesa David W.C. MacMillan, gañador xunto con Benjamin List do Premio Nobel de Química 2021 polo desenvolvemento dunha ferramenta para a construción de moléculas, a organocatálisis, foi este luns convidado de excepción no instituto Sánchez Cantón de Pontevedra. Alí, ante un salón de actos repleto de alumnado de Bacharelato e do Club de Ciencias, deu a súa primeira charla presencial nun instituto desde que recibiu o galardón e converteu aos presentes en afortunados que puideron coñecer os seus puntos de vista e mesmo cales son a súa novas liña de traballo.
De visita en Galicia para participar no décimo aniversario do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da Universidade de Santiago de Compostela (CiQUS) e no programa Conciencia, desprazouse ata Pontevedra para ter un encontro presencial con alumnado deste centro.
A actividade, promovida pola profesora de Física e Química do centro, Beatriz Trillo, doutoranda do CiQUS, foi a primeira charla presencial do científico desde que recibiu o galardón, pois nos últimos meses participou en actividades similares en centros educativos de todo o mundo, pero sempre de forma telemática. Esta é a primeira vez que se despraza en persoa.
O catedrático de Química Orgánica José Luis Mascareñas, director científico do CiQUS e intérprete de MacMillan durante a actividade, destacou que é todo un "luxo" para o centro educativo e para Pontevedra telo en persoa. Entre outros beneficios, permitiulles ver en directo a propia medalla do Nobel.
O propio alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira Carmen Fouces reuníronse co visitante antes deste acto académico e asistiron á actividade. Alí, Lores lembrou que é ex alumno deste centro e nunca pensou regresar como alcalde e acompañando a un Premio Nobel e lembroulle ao alumnado: "sodes os máis afortunados do mundo" por esta actividade presencial. Aproveitou para trasladarlles que "sen avances científicos, a sociedade tampouco avanza".
O alumnado demostrou un bo nivel de inglés para comunicarse co científico e un grupo de estudantes de segundo curso de Bacharelato repasaron a traxectoria e biografía do invitado. A presentación foi "marabillosa", en palabras de MacMillan, que asegurou que foi "unha das mellores da miña vida".
"Faime moi feliz, moitas grazas", agradeceu ao alumnado, que lle recibiu no salón de actos cun gran aplauso. Confesoulles que a súa filla é alumna de instituto e nunca lle aplaudiría e tamén lles recoñeceu que, a pesar de que o seu pai é Premio Nobel, ela suspende química.
Antes de participar no acto, atendeu aos medios de comunicación e trasladou que lle agradan este tipo de actividades, pois, desde que recibiu o Nobel, tivo "moitas oportunidades de falar con estudantes de instituto de todo o mundo" e comprobou que están "cheos de enerxía e paixón". A adolescencia é, en palabras de MacMillan, "unha idade marabillosa para que poidan absorber toda a ilusión de facer ciencia".
Como especialista nunha materia que habitualmente adoita estar masculinizada, con menor porcentaxe de estudantes mulleres que homes nas universidades, explicou ás xornalista que é "fundamental traballar neste tema e que as mulleres e toda a diversidade poida traballar xunta" porque "se necesita a colaboración de todos porque cada un ten un punto de vista distinto".
Tamén a preguntas dos medios de comunicación trasladou que non puido coñecer en detalle Pontevedra, pero, polo que viu, parécelle "incrible ver unha cidade feita para que a xente poida vivir mellor" e mostrouse "francamente agradecido" de poder visitala.
A preguntas do alumnado, fixo un repaso polo seu día a día desde que é Nobel e asegurou que "pouco cambiou" a súa vida a nivel persoal ou co persoal do seu departamento de traballo, que chanceou con que "seguen ignorándome", pero, para o exterior, si que "me cambiou a vida".
Tamén compartiu anécdotas como que non era moi bo alumno na súa etapa de instituto e chanceou con que elixiu química e non física na universidade porque tiña mellor horario e instalacións e compartiu os seus consellos profesionais. E compartiu con eles a importancia que tiveron os profesores que contribuíron á súa formación.
O alumnado quixo saber cal é a clave do éxito e recomendoulles "nunca conformarse, tratar sempre de aspirar a algo máis".
Para este momento vital no que o alumnado de Bacharelato debe elixir a súa carreira profesional, recomendoulles "estudar o que vos guste, tomar iso con paixón, é o que vos recomendo". "Por suposto, a química, pero o que vos apaixone".
O importante, como científico e, en xeral na vida, é "ser feliz, pasalo ben, os científicos deberiamos ser así, estar contentos e apaixonados polo noso", compartiu.