O luns 7 de outubro comeza o servizo de 'coche de punto', que unirá a cidade co rural

Pontevedra
01 de outubro 2024

A partir deste venres 4 de outubro xa se poderán apuntar todas as persoas que queiran utilizar este servizo. Para inscribirse hai dúas vías, mediante un rexistro na páxina web "cochedepunto.gal" ou ben chamando ao teléfono 986 07 00 66 da central de reservas, que funcionará en horario de 18 a 20.00 horas, de luns a venres

Parada de taxis de Pontevedra
Parada de taxis de Pontevedra / Mónica Patxot

"Para min é unha excelente noticia a que vou dar hoxe", dixo este martes o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores nunha comparecencia na que anunciou que o luns 7 de outubro arranca o servizo de 'coche de punto', que é un transporte a demanda de taxi compartido para varias persoas usuarias con cobranza individual por prazo en zonas de baixa densidade, con tráfico débil e ou sen as mínimas condicións de accesibilidade na periferia e o rural.

A partir deste venres 4 de outubro xa se poderán apuntar todas as persoas que queiran utilizar este servizo. Para inscribirse hai dúas vías, mediante un rexistro na páxina web "cochedepunto.gal" ou ben chamando ao teléfono 986 07 00 66 da central de reservas, que funcionará en horario de 18 a 20.00 horas, de luns a venres.

O usuario deste servizo terá que reservar o día anterior antes das 20.00 horas. 

O 'coche de punto' estará operativo de luns a venres. Non funciona os sábados nin os domingos. Haberá dous horarios: De recollida de 7 a 10 da mañá e de regreso de 12 a 14.00 horas que terán tramos por horas.

Habilitaranse 11 paradas urbanas das que 6 teñen que ver con equipamentos sanitarios: centro de saúde de Lérez, da Parda, Virxe Peregrina, Mollavao, Hospital Provincial e Montecelo. O resto das paradas serán o campus universitario, a delegación da Xunta en Campolongo, xulgados da Parda, Praza de Galicia, mercado, estación do tren e de autobús. 

O día 7 empeza este servizo de maneira gratuíta durante tres meses. 

A partir do momento no que o Concello decida aplicar as tarifas estas serán de 2,15 euros cada servizo. Haberá bonificacións para diferentes segmentos de poboación, sobre todo para os menores de 10 anos, que viaxarán gratis. As persoas xubiladas e desempregadas terán descontos do 40% e do 25%, respectivamente. As persoas cun grao de discapacidade recoñecido superior ao 33% terán unha bonificación do 50% respecto o importe do billete ordinario. 

As arcas municipais asumirán un custo fixo de 3,75 euros por cada viaxe, o mesmo que custa a actual baixada de bandeira dos taxis durante o día. A este diñeiro sumarase unha cantidade variable, que se fixou nos 1,08 euros por quilómetro percorrido entre as quince parroquias do rural e o centro da cidade.

O taxi operador deste servizo deberá levar o indicador aceso, de 'ocupado' e un cartel indicativo co lema 'coche de Punto', visible, na parte inferior do parabrisas dianteiro, no momento da recollida e do servizo.

O servizo prestarase nesta fase de posta en marcha, cun horario de 07.00 a 10.00 horas, e de 12.00 horas a 14.00 horas, de luns a venres, en tramos horarios dunha hora. A persoa usuaria no momento da reserva deberá realizar unha escolla dentro deses tramos horarios. 

Ademais, as persoas usuarias deberán efectuar a reserva antes das 20.00 horas do día hábil anterior á prestación do servizo.

O servizo será confirmado á persoa usuaria a lo menos pola vía na que se efectuase a reserva, antes das 22.00 horas dese mesmo día de reserva. Con dita confirmación o usuario recibirá un código de referencia ou verificación do título de transporte intransferible válido para o servizo solicitado, que deberá validar no momento de subida ao vehículo (Código QR / Código alfanumérico)

A primeira vez que se reserva, a persoa usuaria deberá darse de alta como usuaria do servizo, xa que os billetes se emiten a título individual e intransferible, aportando datos de identificación, dirección de referencia, e declaración respecto de si cumpre algunha condición de bonificación (só se pode escoller unha, xa que non son acumulables). A partir do 4 de outubro será posible facer as primeiras reservas.