"O lume viña e, por onde pasaba, devoraba todo"

Cerdedo-Cotobade
09 de agosto 2016

O panorama era desolador na mañá deste martes en Vilanova de Tenorio e Almofrei. A dereita e esquerda, o monte estaba tinguido de negro; o ceo cubríao unha densa nube gris; e, ao fondo, distinguíanse as chamas que seguían devorando hectáreas de terreo. E os veciños libraban a súa batalla particular, a de asimilar o sucedido e rememorar unha e outra vez unha noite desaloxados ou co lume á beira de casa

María del Placer Barbeito, veciña de Almofrei que axuda a apagar o lume cun caldeiro
María del Placer Barbeito, veciña de Almofrei que axuda a apagar o lume cun caldeiro / Cristina Saiz

O panorama era desolador na mañá deste martes en Vilanova de Tenorio e Almofrei, no Concello de Cotobade. A dereita e esquerda, o monte estaba tinguido de negro; o ceo cubríao unha densa nube gris; e, ao fondo, distinguíanse as chamas que seguían devorando hectáreas e hectáreas de terreo. Ás dúas da tarde a Consellería do Medio Rural elevaba a 365 as hectáreas que arderan en cuestión de 20 horas, desde que a media tarde do luns se iniciaran nun lugar aínda por determinar. A cifra en si mesma asustaba a veciños e curiosos, pero había algo que lles causaba aínda máis medo: a convicción de que o vento sopraba cada vez máis forte, o incendio estaba desbocado e os centos de efectivos de loita contra o lume non daban a basto para controlar as chamas. 

Máis presente que nunca estaba a onda de incendios de 2006, que golpeou cruelmente este municipio e todos os dos arredores e da súa mente era imposible retirar as escenas de pánico vividas ao longo da noite anterior. "Mira, desde as oito da tarde aínda non fun á casa nin durmín", contaba ao mediodía María del Placer Barbeito, unha veciña de Fontenova, en Almofrei, de 80 anos que desde primeira hora da mañá axudábase cun cubo para ir sufocando as físgoas de lume que podían quedar ou que xurdían de forma espontánea nos arredores da súa vivenda. Non fora á cama e non notaba o cansazo porque cada vez que pechaba os ollos xurdíanlle de novo as imaxes do lume a apenas uns metros da súa casa. Ás cinco da mañá, lembra, "estaba encima daquel coto a ver o lume".

NOITE NUN PAVILLÓN

Como ela atopábanse este martes centos de veciños de Tenorio e Almofrei, as dúas zonas máis golpeadas polo lume, que tamén chegou a outros puntos de Cotobade ou á parroquia pontevedresa de Bora. Vilanova de Tenorio é o epicentro da dor, o lugar con máis afectados. Decenas de familias foron desaloxadas das súas casas, moitas marcharon ás casas de familiares e amigos e dez acabaron pasando a noite no pavillón de Tenorio, onde o Concello e Cruz Vermella habilitaron colchóns e comida para que puidesen pasar a noite, ademais dun equipo de apoio psicolóxico. 

Alí estivo durante toda a noite de voluntaria Paula, unha veciña da zona que estaba no pavillón cun torneo deportivo cando, coa caída da noite, empezaron a chegar os desaloxados. Xa só foi á súa casa, e á doutras veciñas, a buscar unha cafetera ou unha sandwicheira "para que a xente polo menos tomase algo quente". E entre café e café, acompañaron a quen estaba fisicamente no pavillón, pero coa mente nas súas casas e no lume que as estaba poñendo en perigo. Algúns, a de máis idade, nin sequera querían entrar ao recinto, senón que "sentaron fóra e quedaron a mirar para o lume toda a noite". Outros, como unha muller de máis de 80 anos, tentaron relaxar o ambiente con bromas para tentar pasar as longas horas transcorridas ata que pouco antes das oito da mañá avisáronlles de que podían regresar ás súas casas. 

DESALOXO CO ALTOFALANTE NA MAN

O desaloxo deses veciños e dos que optaron por irse a casa dos seus familiares foi posible grazas á colaboración da Garda Civil e de efectivos como o sarxento José Antonio Rodríguez Álvarez, do posto da Benemérita de Pontevedra. Este martes afrontaba unha nova xornada de traballo nas tarefas de seguridade da zona de Vilanova, pero os momentos máis duros viviunos cando, a medida que se achegaba a noite anterior, decidiuse a evacuación de Vilanova de Tenorio e foi, altofalante en man, avisando a todos os veciños de que non era seguro que seguisen nas súas casas pola proximidade do incendio. 

Un total de 80 casas, con 200 persoas, recibiron o aviso dos axentes e a unha decena delas foise á mantenta para pedir a colaboración dos veciños. Todos colaboraron e tan só foi necesario facer unha evacuación propiamente dita cunha muller de 86 anos que estaba encamada e, ademais de ter mobilidade reducida, padece alzhéimer. Con axuda dunha ambulancia do 061, sacárona da casa e foi trasladada ao hospital, onde pasou toda a noite. 

DURMIR CO LUME Á BEIRA

Non todos os veciños de Tenorio e Almofrei foron desaloxados, pero si todos viron o lume a escasos metros. Juan é un deles. Xa viviu a tarde "con pánico" e a noite foi moito peor. "O lume viña e, por onde pasaba, devoraba todo", de modo que os propios veciños, con pas e cubos e a cara tapada con toallas molladas uníronse aos efectivos de extinción da Xunta de Galicia e do concello para evitar que as chamas arrasasen as súas casas. "Foi unha cousa similar á de 2006", lembra, e el, como ocorreu hai dez anos, sentiu "impotente".

Impotencia tamén é o sentimento que sentiron na familia Gesteira Iglesias. O lume literalmente rodeou a súa casa cando estaban nela sete persoas, catro deles menores de idade. Entre eles había un bebé dun ano e medio e unha nena de nove que, chegado un momento, non puido evitar poñerse a chorar e que, ao dia seguinte, e coa casa rodeada de negro, non se pode sacar da cabeza os berros do seu veciño, que no medio da noite tan só pedía "no me dejéis morir con 12 años". 

A esta familia non a desaloxaron, pero eles tampouco quererían irse. "Como te ías co lume ao lado da casa? É duro deixar todo á aventura. Se marchamos ardía todo", asegura María José del Castillo, que vive todo o ano en Suíza e está en Almofrei de vacacións na casa familiar. A pesar de que a noite foi dura e o seu marido nin sequera foi á cama mangueira en man e pendente do que lle ían trasladando a Garda Civil e os medios de extinción, alégrase de estar aquí e non na emigración nun día como o deste luns. "Estás aquí e ves o que hai, se estás lonxe, poste máis nerviosa", asegura tras unha noite "inesquecible".