O lume deixa sen luz e teléfono varias zonas de Vilanova e Almofrei

Cerdedo-Cotobade
10 de agosto 2016

O Concello de Cotobade contratou por urxencia a reposición do alumeado afectado polo lume forestal e o alcalde Jorge Cubela mantén abertas as xestións con Telefónica para que se reactiven as liñas de telefonía

Casa afectada polo incendio forestal en Cotobade
Casa afectada polo incendio forestal en Cotobade / Cristina Saiz

O incendio de Cotobade, que o pasado luns afectaba a 365 hectáreas de monte, provocou problemas no servizo de luz e de telefonía nas parroquias de Vilanova e de Almofrei. Ante esta situación, o goberno local, encabezado polo alcalde Jorge Cubela, habilitou unha partida especial con fondos municipais para repoñer e reactivar o servizo da luz pública procedendo á súa adxudicación urxente.

O alcalde tamén se puxo en contacto con Telefónica para que se reactiven canto antes todas as liñas de telefonía afectadas por estes lumes, ademais dos servizos telefónicos auxiliares.

Cubela sinala que se fará todo o posible para que os cidadáns recuperen a súa tranquilidade e encomiou a actitude dos veciños de Cotobade porque foron "solidarios para protexer as súas vivendas e os montes".