O lume de Cotobade pasa a Pontevedra e mantén en alerta as parroquias de Bora e Marcón

Pontevedra
08 de agosto 2016

Ás 22.00 horas, cinco horas despois do inicio do lume, os servizos de extinción, entre eles os Bombeiros e a Policía Local de Pontevedra, estaban a traballar intensamente na parroquia de Bora. O vento sopraba con forza, de modo que a evolución do lume era imprevisible e non se descartaba que houbese que desaloxar algunhas vivendas de O Salgueiral

Tarefas de extinción do incendio de Tenorio no límite con Pontevedra
Tarefas de extinción do incendio de Tenorio no límite con Pontevedra / Diego Torrado

O incendio forestal inciado ás 17.20 horas deste luns na parroquia de Tenorio, no Concello de Cotobade, cambiou de termo municipal e chegou xa ao Concello de Pontevedra, axexando as parroquias de Bora e Marcón. Desde media tarde, os veciños destas dúas zonas viven rodeados dun ceo totalmente cuberto por unha intensa nube de fume que, nalgúns puntos, mesmo dificulta a respiración. Coa chegada da noite, a situación complicouse e as chamas chegaron a Bora, en concreto, ao lugar de O Salgueiral, que limita coa parroquia de Marcón. 

Fontes municipais indicaron que ás 22.00 horas, cinco horas despois do inicio do lume, os servizos de extinción, entre eles os Bombeiros e a Policía Local de Pontevedra, estaban a traballar intensamente na parroquia de Bora. O vento sopraba con forza, de modo que a evolución do lume era imprevisible e non se descartaba que houbese que desaloxar algunhas vivendas de O Salgueiral. 

Xa desde que se declarou o lume en Tenorio, a Policía Local e os Bombeiros de Pontevedra puxeron en marcha un operativo de emerxencia para refrescar lsa zonas potencialmente máis perigosas e, desta forma, evitar que o lume chegase ás vivendas. A Unidade Militar de Emerxencias (UME) mobilizada para o incendio de Cotobade tamén estivo a traballar, acompañada pola Garda Civil, pola zona dos montes do lugar de A Peralba, en Marcón.

A situación mantén en alerta aos veciños de Bora e Marcón, que xa no ano 2006 foron un dos que sufriron máis duramente as consecuencias da vaga de incendios e este luns lembraron os duros momentos vividos. Por momentos, mesmo necesitaron cubrirse as vías respiratorias e por algunhas zonas de ambas as parroquias o fume dificultaba a visión a peóns e condutores

A Garda Civil de Tráfico e a Policía Local de Pontevedra interviñeron para regular o tráfico por distintos puntos da parroquia e impedir aos condutores que se achegasen ata as zonas máis perigosas. Impediron a circulación polos acceso aos lugares onde había lume máis intenso.

Ata O Salgueiral desprazáronse á primeira hora da noite a alcaldesa en funcións, Carme da Silva, e o concelleiro delegado da parroquia, Alberto Oubiña, para facer un seguimento dos traballos de prevención que realizaban a Policía e os Bombeiros. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, atópase fóra de Pontevedra, pero está ao tanto da evolución do lume desde que se declarou en Tenorio.