O loro Ravachol, emblema do entroido pontevedrés, xa forma parte doutra icónica marca galega: Sargadelos. Na galería da rúa Oliva e con motivo do inicio do Entroido, foi presentada este mércores unha figura inspirada no paxaro máis famoso da cidade. A figura será de venda exclusiva na tenda que Sargadelos ten na cidade do Lérez e o prezo de venda ao público é de 85 euros.
"Vimos que na colección de Sargadelos faltaba unha figura que representase ao Entroido pontevedrés", explica o propietario do establecemento, Diego Torrado, como se fraguou a unión destes dous símbolos da cultura galega. O proceso, conta o dono, empezou hai dous anos cando se puxeron en contacto cos deseñadores da fábrica para recrear unha figura da Igrexa da Peregrina e tamén do loro, que viu este mércores a luz.
"Este loro Ravachol xa forma parte da historia de Pontevedra e tamén dos agasallos que o Concello entregará nos premios do Entroido", avanzou a concelleira de Festas, Carme da Silva, quen participou tamén na presentación da figura. "Ravachol é un símbolo do Entroido en Galicia e tamén forma parte doutro símbolo galego, a cerámica de Sargadelos", destacou a edila.
Sargadelos xa tiña no seu catálogo figuras relacionadas con outros referentes do entroido galego como os peliqueiros de Laza, os cigarróns de Verín ou as pantallas de Xinzo. E desde hoxe, tamén do loro Ravachol.
No posto da galería de Sargadelos pode contemplarse unha pequena exposición que recolle todo o proceso de fabricación da figura. O primeiro paso é realizar un primeiro modelo en barro, logo en escaiola e despois do primeiro proceso de enfornado chega a hora da pintura. Finalmente, un novo enfornado deixará a figura lista para a súa posta á venda.