O local dos cines de Vialia sairá a concurso público a partir do 14 de xuño

Pontevedra
21 de maio 2013

A empresa dependente de Fomento confirmou a PontevedraViva que "buscará unha empresa para que poida seguir explotando o devandito local, porque somos conscientes de que son os únicos cines existentes en Pontevedra e intentarase que a cidade non quede sen cines"

O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) sacará a concurso público as instalacións dos cines de Vialia, unha vez que Ábaco Cinebox bote o peche das únicas salas de Pontevedra e lle entregue as chaves.

Ao respecto, un voceiro de Adif confirmou a PontevedraViva que "a empresa que ten actualmente en aluguer as devanditas salas se comprometeu a entregarnos as chaves antes do 14 de xuño", data fixada este luns no xulgado polos avogados do Adif e da distribuidora valenciana para a rescisión do contrato de aluguer

O mesmo voceiro engadiu que Adif "buscará unha empresa para que poida seguir explotando o devandito local" e explicou que realizarán estas negociacións "porque somos conscientes de que son os únicos cines existentes en Pontevedra".

"Intentarase que a cidade non se quede sen cines", indicaron dende este ente público dependente do Ministerio de Fomento.

Cinebox e Adif acudiron este luns ao edificio xudicial da Parda para asistir a un xuízo por desafiuzamento no Xulgado de Primera Instancia número 1 de Pontevedra, dada a débeda de 1,3 millóns que ten a distribuidora. Finalmente, a vista non tivo que celebrarse ao chegar a un acordo as partes, que "recoñecen a débeda e resolven o contrato".

O director xeral de Abaco Cines citou para este mércores 22 de maio á delegada de persoal dos cines para comunicarlles a rescisión dos contratos dos 15 traballadores que integran o equipo actual.

Arquivado en