Este sábado 26 de febreiro, a partir das 21.00 horas, o Liceo Casino recuperará os eventos tradicionais do Entroido nesta entidade social de Pontevedra. Esta primeira cita consistirá nunha cea - baile de disfraces en familia, que contará con animación a cargo de Eri Events Planner, con monitores e taller de entroido para escolares a partir das 21.30 horas.
O domingo 27, entre as 18.00 e as 20.00 horas regresará o baile de "pre-mocitos", destinado a mozos a partir dos 9 anos. Entre as 21.00 e as 01.00 horas celebrarase o asalto-baile de entroido, para os maiores de 13 anos.
O luns 28, entre as 17.00 e as 20.00 horas, será a quenda para o baile infantil de disfraces.
Xa o martes 1 de marzo, a partir das 21.30 horas celebrarase a cea-baile de entroido, que será amenizada polo DJ Jamar Audio. Durante esa noite repartiranse premios no concurso por valor de 12 ata 500 euros.
O sábado 5 de marzo concluirán as celebracións coa cea baile de fachas. Comezará na sede do Liceo Casino ás 21.30 horas coa animación de dj La Bola de Cristal. As invitacións para este acto pódense retirar na Secretaría ata o 4 de marzo. Cada persoa asociada terá dereito a solicitar invitacións gratuítas. As prazas atoparanse limitadas ata completar o aforo.
Para aquelas persoas que queiran asistir á cea deberán retirar as tarxetas ata o 3 de marzo, previo pago do número de cubertos que solicite cada socio, que non poderá superior a oito persoas. O menú ten un prezo de 33 euros.
Durante esa noite tamén se entregarán premios aos mellores disfraces. No apartado individual os premios en metálico son de 100 e 75 euros. Por parellas, sitúanse en 200 e 150. No apartado de grupos, o primeiro premio obterá 500 euros e o segundo, 300. Tamén se establece unha sección para o mellor disfrace de crítica local cun premio de 150 euros.
As inscricións para o concurso de disfraces pódense facer na recepción da sede na rúa Manuel Quiroga ata o día do baile ás 23.30 horas, sendo necesario que na inscrición polo menos figure un socio do Liceo Casino.