Pontevedra deixou de utilizar auga do Pontillón do Castro, unha medida que se adoptou por parte do goberno local despois de que se rexistrara na fin de semana unha baixada do caudal do río Lérez que abastece ás estacións de bombeo para o subministración da auga.
A causa de suspender esta captación foi porque, nas últimas horas, o caudal medio do Lérez medrou case o dobre do volume que presentaba durante a fin de semana pasando dunha achega media de 1,9 metros por segundo a 3,10 e isto sucede sen que chovese.
Ante estes feitos, o portavoz do goberno local, Raimundo González, culpaba este mediodía a Ence de ser a responsable dun consumo abusivo da auga dos pontevedreses. "Tivo que ser Ence quen cortou o grifo do subministro", indicou o concelleiro.
O Concello de Pontevedra tivo constancia da presenza de técnicos de Augas de Galicia durante primeiras horas do mércores na estación de bombeo. Raimundo González cre que alertaron a Ence para que rebaixase o consumo.
"Lamentamos e consideramos grave que unha empresa xogue cos recursos hídricos dos cidadáns. Eles están a despilfarrar auga", apuntou o concelleiro sinalando que aquela cantidade que non utilizan no seu proceso de produción é expulsada á ría mentres que Pontevedra precisa do encoro do Pontillón do Castro para garantir a chegada da auga ás vivendas. "É grave que Ence abuse dunha maneira tan descarada", concluíu o portavoz do goberno de Fernández Lores.
ENCE NEGA CAMBIOS NO SEU PROCESO DE CAPTACIÓN DE AUGA
Pola súa banda, os dirixentes da fábrica pasteira rexeitan esa afirmación de Raimundo González. Din que a captación de auga desde a factoría foi a mesma que noutras ocasións e que a variación do cauce non garda relación co Centro de Operacións da empresa en Lourizán
Desde o departamento de prensa só indican que os técnicos de Augas de Galicia non tiveron un encontro persoal con representantes de Ence e que a fábrica aplicou hai unhas semanas medidas para reducir o consumo de auga co obxecto de contribuír en todo o posible a mitigar os efectos da forte seca que padece Pontevedra e a súa comarca.