O río Lérez mantense en situación de prealerta por escaseza de auga na bacía a pesar de que nos últimos días o caudal mellorou grazas ás choivas rexistradas e á baixada do consumo logo das vacacións do verán.
Así o anunciaron este martes a directora e o xerente de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez e Gonzalo Mosqueira, respectivamente, que mantiveron unha nova reunión telemática cos concellos do sistema de abastecemento de Pontevedra para abordar a situación de prealerta.
Nesta nova xuntanza participaron representantes dos municipios de Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, Ponte Caldelas, Bueu e Vilaboa.
Os representantes da Xunta confirmaron a mellora da situación nesta bacía e explicaron que a prealerta continúa activa porque os tempos de recuperación dos ríos non son inmediatos e aínda non se ten acadado a normalidade.
Desta maneira, a Xunta continúa realizando un seguimento intensivo desta situación de escaseza na bacía do Lérez e da súa evolución.
Ademais, a Xunta reiteroulle aos concellos a necesidade de habilitar un ente supramunicipal para a xestión do seu abastecemento, que teñen previsto os concellos de Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, Bueu, Vilaboa e Ponte Caldelas.
Mentres non se crea ese organismo supramunicipal, aconselloulles aos municipios manter a coordinación para garantir unha mellor xestión da auga.