O legado de Sesé: un orfo de violencia de xénero que loita pola igualdade

Pontevedra
26 de novembro 2020

"A miña casa voou polos aires". Joshua Alonso Mateo non anda con medias tintas e empeza con esta forza todas as súas intervencións. Fillo dunha vítima de violencia de xénero e alumno do ciclo de Promoción da Igualdade da Xunqueira, foi o protagonista dos actos organizados neste centro educativo con motivo do 25 de novembro ​

Joshua Alonso, na conmemoración do 25 de novembro no Cifp A Xunqueira
Joshua Alonso, na conmemoración do 25 de novembro no Cifp A Xunqueira / Mónica Patxot

"A miña casa voou polos aires". Joshua Alonso Mateo non anda con medias tintas e empeza con esta forza todas as súas intervencións ante o alumnado do CIFP A Xunqueira. Fillo de Sesé Mateo, que en febreiro de 2017 foi asasinada pola súa ex parella facendo explotar a súa casa de Chapela (Redondela), foi o protagonista dos actos organizados neste centro educativo con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia sobre a Muller. 

Impartiu charlas a distintos grupos de alumnado relatando a súa historia e a da súa nai para buscar maior conciencia contra a violencia de xénero. Ademais, en homenaxe á súa nai, fíxose unha lectura continuada do libro de poemas póstumos No Camiño do vento de Sesé Mateo, o centro encheuse de cruces reivindicativas e o alumnado saíu ao exterior do centro para unha concentración reivindicativa. Toda a xornada xirou arredor do lema 'Violencia de Xénero = Pandemia'.

Joshua ten 29 anos e é orfo da violencia de xénero, pero é moito máis e está a demostralo neste centro educativo, no que estuda o ciclo de Promoción da Igualdade. Esa conciencia é parte do legado que lle deixou súa nai. Despois de que Emilio Fernández manipulase dúas bombonas e un bidón de gasolina e voase polos aires a casa cos dous dentro, nos restos que quedaron entre o tellado levantado e as paredes pulverizadas, atopou uns poemas escritos pola súa nai que deron vida a un libro, No Camiño do Vento. Foi o primeiro legado que lle quedou dela. O segundo está a vivilo agora

Inspirado pola súa experiencia traumática e polo activismo que moveu toda a vida a Sesé, Joshua quere loitar contra a violencia. A súa formación e experiencia laboral era ata agora na rama da informática, pero quixo darlle unha volta á súa historia e matriculouse neste ciclo para especializarse nesta loita

"Busco quitarme o estigma de orfo da violencia de xénero. Non quero ser sempre o orfo da violencia de xénero, busco cambiar a sociedade, busco cambiar a xuventude, busco a igualdade, quitar os prexuízos, quitar eses roles de xénero tradicionais marcados". Joshua non ten dúbidas de cal é o seu camiño. É un dos tres alumnos varóns dunha clase con 25 alumnas mulleres e, ao carón de todos eles, quere traballar para demostrar que "as mulleres son mulleres, os homes somos homes, pero todos somos iguais". 

Para lograr esa igualdade, o primeiro paso é lograr conciencia social e, na súa procura, é contundente. Sempre empeza as súas charlas con ese "a miña casa voou polos aires" porque comprobou que sinalando os datos máis duros do asasinato da súa nai logra captar a atención do público. Este mércores nas butacas estaba sentado un alumando que "desgraciadamente, ou por sorte, non tocaron temas de violencia de xénero na súa vida" e, para que escoitasen, quixo impactalos desde o primeiro momento. 

Unha vez captada a súa atención, relata que Sesé non era unha muller maltratada, "era unha muller loitadora que sabía o seu posto na sociedade, pero desgraciadamente o machismo levouna  por diante". Coa súa historia, e os seus poemas póstumos, quere que se logre ese cambio social. 

Joshua é consciente de que "desgraciadamente queda moitísimo por facer na sociedade, nos medios de comunicación, na educación e en moitísimos aspectos" e está disposto a enfocar toda a súa vida a partir de agora nese camiño. Con este ciclo confía en poder especializarse e centrar parte dese camiño en dar charlas como as impartidas este mércores, para poder "remover conciencias". 

Nos últimos tempos xa tivo varias experiencias e comprobou que, ao remate, se lle achegaban rapazas e rapaces que estaban a sufrir violencia e ata que el falou e contou a súa historia non abriron os ollos. El mesmo é coñecedor de ata que punto fai falta abrir eses ollos e a mente para detectar o machismo, pois, cando asasinaron á súa nai, deuse conta de que tiña comportamentos machistas. En realidade, considera que "desgraciadamente ninguén pode dicir nesta sociedade que non é machista"

As charlas de Joshua están cargadas de forza e de conciencia, pero detrás esconden moita dor. Non dubida en recoñecelo e en sinalar que o 25 de novembro é un día intenso, duro e complexo. Recordar todo o que ten vivido nos últimos tres anos e medio remove moito por dentro. Despois do asasinato, converteuse en titor legal do seu irmán pequeno, fillo da súa nai e o seu asasino, e enfrontouse con todas as trabas burocráticas

Outra faceta dese legado que lle deixou Sesé é redactar, co Concello de Redondela, un protocolo sobre como actuar ante casos de violencia de xénero. O seu era o primeiro neste municipio e atoparon moitas dificultades, percibindo ata que punto non hai as ferramentas necesarias para axudar as familias e "que poidan chorar a perda, que poidan ter un luto e non ter que centrarse na declaración de herdeiros, impostos de sucesión e todos os trámites que conlevan unha morte así". 

El, ademais, tivo que vivir todos eses trámites ante un acoso constante por parte dos medios de comunicación. O vivido neste eido é outra faceta dese legado de Sesé. Está a preparar un premio xornalístico co que incentivar as boas prácticas xornalísticas para que a cobertura informativa dun crime estea rodeada de boas prácticas e respecto á vítima e ás súas familias e o trago polo que están a pasar. 

O asasinato de Sesé non ten ningunha parte positiva, pero todo este legado si dá lugar ao optimismo. Publicar o seu libro de poemas póstumo foi a súa homenaxe a Sesé, porque "publicando este libro devolvinlle á sociedade á miña nai e a miña familia o recordo da nosa nai e a valentía que tiña". Este traballo que encara agora é a constatación de que Sesé aínda non dixo a última palabra.