O lecer nocturno paga os pratos rotos da viaxe de estudantes pontevedreses a Mallorca

Pontevedra
30 de xuño 2021

Pontevedra pasa ao nivel medio de restricións polo brote de coronavirus detectado entre estudantes que participaron nunha viaxe de fin de curso a Mallorca e a Xunta  prohibe a reapertura do lecer nocturno na cidade, que estaba prevista para o 1 de xullo

Proba piloto para a reapertura do lecer nocturno na Pomada
Proba piloto para a reapertura do lecer nocturno na Pomada /

Un grupo de pontevedreses contáxianse de covid-19 en Mallorca e pecha a hostalería da súa cidade. Curioso efecto bolboreta no que, unha vez máis, o lecer nocturno e o sector hostaleiro volven pagar os pratos rotos duns contaxios que, esta vez tampouco, son responsabilidade súa. "As restricións son só para nós. Por que sempre nós?", quéixase o presidente de Hoempo e propietario do pub A Pomada, Daniel Lorenzo.

Como consecuencia deste brote entre o estudantado pontevedrés, o municipio de Pontevedra pasou de nivel baixo a nivel medio na escala de restricións da Xunta. Unha decisión que se traduce na redución de aforos na hostalería e na prohibición de apertura ao lecer nocturno que xa tiñan todo preparado para abrir as súas portas esta semana despois de, nalgúns casos, 15 meses pechados.

"É unha faena máis", asume resignado Lorenzo. "Estamos decepcionados, xa viamos un pouco de luz e volta á escuridade", engade Iván Parada, xerente do Bazaar. 

Os propietarios do lecer nocturno son os principais afectados deste paso atrás. Todos afrontaban con ilusión esta semana previa á súa reapertura. Os locais xa estaban limpos, as neveiras cargadas e de novo en funcionamento, o persoal en proceso de contratación e o investimento realizado ata que o comité clínico deu ao traste con toda esta planificación. "E avísannos con só 24 horas, é certo que poderiamos abrir o xoves e o venres, pero non é viable", protesta Lorenzo. 

Tampouco entenden no sector a utilidade deste peche "porque non hai peche perimetral", sinala Parada. "Calquera pode irse de festa a Sanxenxo ou a Vigo, por que non en Pontevedra?", cuestiona o empresario.

Con todo, a decisión é firme e a reapertura na capital das Rías Baixas terá que pospoñerse polo menos unha semana, cando o comité volverá avaliar as restricións en función da situación epidemiolóxica e os datos de incidencia acumulada. "Esperemos que haxa un envorco porque saben de onde vén o brote e se o teñen controlado é absurdo", insiste Lorenzo. 

Aínda que non querían nin pensalo, ambos os empresarios recoñecen que a decisión da Xunta non os pilla por sorpresa. "Eu xa estaba coa mosca detrás da orella, sabía que nos afectaría", admite Lorenzo sobre a posibilidade de que o brote de Mallorca abase provocando o peche do seu local. "Hai que aprender a convivir con iso, non pode ser que sempre paguemos os mesmos", agrega molesto Parada.

Ambos comparten en que irse a unha viaxe desas características nestas circunstancias é irresponsable, pero non queren culpar aos estudantes. "A eles non lles diría nada, pero si a toda a poboación. Hai que ter sentido común", pide Lorenzo. Máis crítico é Parada ao afirmar que "non se lles perdía nada indo de viaxe a outra Comunidade Autónoma, pero a culpa é de quen lles paga esa viaxe. Poderían quedarse en Galicia e xa viaxarían noutra ocasión. Foi un acto egoísta, polos seus actos pagan terceiros", remarca. 

O lecer nocturno da cidade está agora condenado a, polo menos, unha semana máis de peche e o presidente de Hoempo fai unha petición a toda a sociedade. "Que sexamos responsables e non a caguemos máis, porque as familias estamos ao límite", remata.