O laboratorio de cocaína de Cerdedo-Cotobade: produción 24 horas ao día con capacidade para 200 quilos diarios

Cerdedo-Cotobade
13 de abril 2023

O macrolaboratorio era o maior clandestino desmantelado en Europa de procesamento de pasta basee de cocaína. "Cociñeiros" distribuídos en diferentes quendas encargábanse de transformar a pasta base. Interviñeron 1.300 quilos de pasta basee de cocaína, a maior incautación ata a data fóra das zonas de produción

Desmantelan en Cerdedo-Cotobade o maior laboratorio de cocaína en Europa / Policía Nacional

O macrolaboratorio de procesado de droga desmantelado nas últimas semanas en Cerdedo-Cotobade era, tal e como se adiantou, o maior laboratorio clandestino en Europa de procesamento de pasta base de cocaína. Este xoves confirmouno a Policía Nacional, que achegou detalles da operación policial e revelou que as instalacións tiñan capacidade para producir 200 quilos diarios-

O laboratorio permanecía a pleno rendemento as 24 horas do día. Había, segundo  asegurou a Policía Nacional, "cociñeiros" distribuídos en diferentes quendas e encargábanse de transformar a pasta base en clorhidrato de cocaína listo para o consumo.

Contaba con avanzados sistemas de extracción de aire e sofisticados equipamentos de refrixeración e quecemento de substancias. Todo iso perfectamente compartimentado en varias zonas para poder levar a cabo o procesado, separación, secado e empaquetado da cocaína.

Este xoves, a Policía Nacional, con Antonio Duarte, xefe da Brigada Central de Estupefacientes á fronte, informou da operación, que desenvolveu en colaboración coa Policia Judiciária de Portugal e a Dirección Antinarcóticos (DIRAN) de Colombia.

A operación permitiu desarticular a toda a organización criminal responsable do laboratorio, que tiña un alto nivel de sofisticación.

A organización empregaba fortes medidas de seguridade para eludir ás Forzas de Seguridade. Así, utilizaban alcumes, vehículos lanzadeira, disfraces de transportistas e comunicacións cun estrito protocolo de seguridade. Nestas comunicacións cobraban especial relevancia "os señores", que eran os xefes do laboratorio e os encargados de dar instrucións e ordes, desde os seus lugares de orixe, aos seus subalternos en España.

Eran precisamente estas persoas as que desembolsarían unha cantidade aproximada de dous millóns de euros para establecer o laboratorio clandestino.

A Fiscalía Especial Antidroga da Audiencia Nacional incoou por estas feitos dilixencias de Investigación e presentou unha querela.

Como resultado desta operación, resultaron detidas 18 persoas, das que 11 foron en Galicia, todas elas na provincia de Pontevedra. Tamén houbo arrestos en País Vasco (1), Madrid (4) e Las Palmas de Gran Canaria (2) e o Xulgado Central de Instrución número 2 da Audiencia Nacional decidiu o ingreso en prisión de todos eles.

Ademais, como resultado dos 14 rexistros realizados, os axentes interviñeron 1.300 quilos de pasta base de cocaína, a maior incautación ata a data fóra das zonas de produción.

Tamén interviñeron 151 quilos de clorhidrato de cocaína e máis de 23.000 litros de precursores e outras substancias químicas.

Esta operación permitiu constatar unha nova tendencia no tráfico de cocaína, na que a substancia estupefaciente é exportada sen ser sometida ao proceso químico, que leva a cabo en laboratorios clandestinos instalados no país de destino. Isto atende ao intento das organizacións criminais de diminuír as perdas ante posibles incautacións policiais.

Ademais de impedir con este operativo que unha gran cantidade de droga chegue ao mercado, evitouse unha contaminación ambiental con efectos devastadores, xa que as máis de 27 toneladas de produtos químicos líquidos e sólidos, unha vez utilizadas, serían vertidas ás augas dun rio próximo.

A investigación iniciouse en outubro de 2022 cando os axentes tiveron coñecemento da existencia dunha organización criminal asentada nas Palmas de Gran Canaria. As primeiras pescudas constataron que contaba cunha potente infraestrutura que lles permitía introducir grandes cantidades de droga no noso país.

Ademais, algúns dos seus membros xa foran obxecto de investigacións policiais anteriores, quedando acreditado o alto nivel de vida que mantiñan así como os vínculos con cidadáns colombianos que exercían de subministradores.

Os membros da organización criminal contaban cun alto grao de sofisticación e unha clara repartición de funcións. Os colombianos fornecían os medios humanos en forma de "cociñeiros" ou químicos do laboratorio. Os mexicanos achegaban os coñecementos técnicos para a correcta extracción da coca basee, que era transportada oculta en máquinas trituradoras de pedra de grandes dimensións (concretamente en dous cilindros metálicos que forman parte dos seus compoñentes). Ademais, tamén eran os encargados de supervisar que a coca basee procedente de Colombia fose convenientemente procesada.

Os españois ocupábanse do groso da operación; é dicir, da xestión do transporte da substancia desde o país de orixe (Colombia) ata a súa recepción en Pontevedra para o seu correspondente tratamento no laboratorio, de cuxa instalación tamén se encargaban, e a posterior distribución do produto final por todo o territorio nacional. 

O entramado recorría a varias empresas loxísticas para transportar os produtos químicos simulando ter unha actividade legal. Destas xestións ocupábase un empresario do País Vasco quen, grazas aos seus contactos, servía de "conseguidor" na península aos investigados canarios. Un destes transportes permitiu aos axentes localizar unha nave industrial, nunha localidade de Pontevedra, utilizada nun primeiro momento como centro loxístico para abastecer o macrolaboratorio e, posteriormente, para "arrefriar" os materiais antes de trasladalos ao mesmo.