O investimento total na rehabilitación dos núcleos tradicionais de Poio ascende a 2,3 millóns de euros

Poio
17 de xullo 2022

A día de hoxe xa remataron as obras en Lameiriña, A Seara, Primeira Travesía ou Camiño Casal, mentres que se prevé o inicio en breve dos traballos no núcleo de Portosanto, A Seara e Saíñas, ao tempo que se ultima a tramitación da recuperación do Xuviño

Primeira Travesía da Seara
Primeira Travesía da Seara / Concello de Poio

Ao longo do que resta de ano e do inicio de 2023, o Concello de Poio terá en marcha ou xa completadas actuacións de recuperación e rehabilitación de núcleos tradicionais cuns investimentos que ascenden a preto de 2,3 millóns de euros. 

O concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, Gregorio Agís lembra que na actualidade xa están completados varios proxectos que van nesa liña, como son a Primeira Travesía da Seara, o Camiño Casal de Campelo e Lameiriña, en Raxó. 

Só nestas tres actuacións a contía ascendeu a un total de 664.000 euros. "Estamos a falar de obras moi necesarias que financiamos a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra", sinala Agís, que, ademais da adaptación e respecto pola contorna, salienta a importancia dos traballos no que a dotación de renovación de servizos básicos se refire. 

"Nestes emprazamentos procedeuse a actualizar o instalar tubaxes de saneamento e abastecemento en lugares onde era necesario, así como o soterramento de liñas de cableado e a renovación de luminarias por puntos de luz máis eficientes desde o punto de vista enerxético", indicou o responsable de Urbanismo.

Gregorio Agís tamén recorda os máis de 300.000 euros que se investiron neste mandato na rehabilitación integral do núcleo da Seara, na parroquia de San Xoán. Este proxecto acabou sendo mellorando con respecto ao inicial, aproveitando o cese da actividade da primeira adxudicataria, Nexia Infraestructuras.

Está previsto que nuns días xa comecen as obras de rehabilitación da contorna da Seara, Portosanto e Saíñas, no que se investirán 900.000 euros xestionados a través do Programa ReacPon da Deputación de Pontevedra. Tamén está en proxección de levarse a cabo a mellora do núcleo do Xuviño, en Combarro, con fondos europeos do IDAE, por valor de 400.000 euros.