Foi un sinxelo xesto de desconformidade levado a cabo desde unha conciencia profundamente feminista ante o que entendía como algo sen sentido, gardar un minuto de silencio polo falecemento de Diego Armando Maradona. Non era a súa intención, pero a súa valente actitude deu a volta ao Mundo.
Menos dunha semana despois, poucos son os que non oíron falar de Paula Dapena, a futbolista pontevedresa do Viaxes Interrías FF, un club modesto que se viu desbordado ante tanta atención aínda que sen desviarse de que "estamos de acordo con ela e animámola ao máximo", recoñece o presidente da entidade, Enrique Rodríguez.
Máis aló de chamadas e entrevistas, o xesto de Paula sentada e de costas inspirou a moita xente, tanto que o Viaxes Interrías comezou a recibir numerosas solicitudes para conseguir unha camiseta oficial do equipo co dorsal e o nome da xogadora.
"A primeira que recibimos chegou de Miami", explica o presidente, pero tamén enviaron camisetas a Arxentina, Sevilla, Madrid, Barcelona e diferentes puntos de Galicia.
Así, nuns poucos días esgotaron o remanente de preto de medio cento de camisetas das que dispoñían en stock, e xa pensan en facer un novo pedido. Todo sen gañar apenas nada da operación porque "non queremos que pensen que nos aproveitamos de Paula", asegura Rodríguez sinalando que as camisetas do equipo están a venderse a 60 euros, "unha Adidas igual que as do Celta ou o Madrid", a pesar de que a eles cústalles 42 euros e a iso hai que sumarlle a impresión do dorsal e os gastos de envío.
Mentres todo isto sucede, no Interrías tratan de ir recuperando aos poucos a normalidade nos seus adestramentos, pensando nunha volta á competición que non afrontarán ata a próxima semana.