O "insólito" caso dos polisóns: CEAR denuncia unha "grave vulneración" da normativa

Marín
16 de decembro 2017

A Comisión Española de Axuda ao Refuxiado (CEAR) mantén que a situación de que o buque marchara do porto con dous polisóns solicitantes de asilo a bordo non ten precedentes en España e anuncia que buscar unha ONG para atender os dous peticionarios de asilo á súa chegada a Polonia para o seu regreso a España

Buque 'Kristin C' no porto de Marín con dous polisóns a bordo
Buque 'Kristin C' no porto de Marín con dous polisóns a bordo / Mónica Patxot

AComisión Española de Axuda ao Refuxiado (CEAR) declárase "escandalizada" polos feitos vividos durante esta semana no porto de Marín por mor da chegada de dous polisóns que afirmaban ter orixe siria e palestino e formalizaron a solicitude de asilo político en España. O buque, de pabellon británico, marchou con eles a bordo rumbo a Polonia sen que se resolvese esa petición, algo que supón "unha grave vulneración da normativa vixente".

Javier Galparsoro, presidente de CEAR-Euskadi, relatou a PontevedraViva que a situación non ten precedentes en España e, na súa dilatada experiencia como avogado e na Comisión Española de Axuda ao Refuxiado, "no recuerdo nada tan rocambolesco como esto".

Os dous polisóns formularon a petición de asilo baseándose na situación de conflito que se vive nos seus países para non volver e fixérono seguindo os trámites legais, de modo que subiron a bordo do buque en Marín axentes da Brigada de Estranxeiría da Policía Nacional de Pontevedra para tramitar a solicitude e enviala á Oficina de Asilo e Refuxio en Madrid. Estiveron en todo momento asistidos polos avogados de Marín Gregorio Cantón e Clara Rodríguez.

Javier Galparsoro, presidente de CEAR-Euskadi: "No recuerdo nada tan rocambolesco como esto"

A pesar de que, tras a chegada a Marín, todo se realizou seguindo a normativa aplicable, Javier Galparsoro mantén que a partir de aí todo se fixo de forma máis que cuestionable. As autoridades españolas deberían garantir que, se o buque no que chegaron se ía de Marín, os dous mozos quedaba en territorio español á espera de que se resolvese a solicitude de asilo, que ten catro días de prazo de tramitación e formalizouse este mércores 13. Ese mesmo día, o 'Kristin C' partiu con eles dentro sen que ninguén llo impedise. 

Ao seu xuízo, vulnerouse a normativa vixente e aceptada e de aplicación en España para estes casos, a Lei 12/2009, do 30 de outubro, reguladora do dereito de asilo e da protección subsidiaria -artigo 19- e o disposto nas instrucións conxuntas da Dirección Xeral da Policía e da Garda Civil, da Dirección Xeral de Política Interior e da Direccción Xeral de Inmigración sobre tratamento a polisóns estranxeiros, que datan do 28 de novembro de 2007 e seguen en vigor. 

No apartado sexto das citadas instrucións recóllese que cando un polisón estranxeiro manifesta a súa intención de solicitar asilo en España permanecerá no buque baixo a responsabilidade do capitán mentres se tramita a solicitude e, se ao tempo de saír o buque de territorio español non se resolveu sobre a admisión a trámite desa solicitude, o polisón será traslado ao posto fronteirizo. No caso de que se desembarque e non exista posto fronteirizo -o caso de Marín-, débeselle asignar residencia obrigatoria en residencias ou centros preferentemente de Cruz Vermella Española ou de calquera ONG especializada en asistencia a refuxiados, solicitantes de asilo, e desprazados

Baseándose nesas instrucións, desde CEAR sosteñen que os polisóns de Marín tiñan que ser trasladados á dependencia fronteiriza do porto de Marín e, ao non existir, poñelos en disposición de Cruz Vermella, que existe en Pontevedra.

O Ministerio de Interior "debe explicar con claridad y precisión por qué no se ha dado cumplimiento a esta previsión legal"

Dado que non se actuou desa forma, Galparsoro sostén que o Ministerio de Interior "debe explicar con claridad y precisión por qué no se ha dado cumplimiento a esta previsión legal". Ademais, engade que as autoridades marítimas, a consignataria do barco, o seguro de Protección e indemnización P&I e o armador "deben aclarar por qué se autorizó y se consumó la salida del buque con los polizones sin ser desembarcados previamente".

Na súa condición de presidente de CEAR-Euskadi, Galparsoro traslada a "enorme preocupación" da súa ONG pola situación e a sorte que poidan sufrir os dous polisóns e anuncia que esta ONG vai tratar de contactar con algunha ONG homónima especializada en asistencia humanitaria a refuxiados en Polonia que poida "atender, asesorar y acompañar" os dous peticionarios de asilo á chegada do 'Kristin C' a porto. 

Segundo puido pescudar CEAR, está previsto que o 'Kristin C' chegue ao porto de Szczecin (Polonia) o vindeiro martes 19 de decembro sobre as 17.00 horas. A súa intención é facer todas as xestións oportunas ata entón para que alguén lles reciba e se xestione alí o seu inmediato retorno a España, pois é o único país competente na tramitación das súas peticións de asilo. En aplicación do Convenio de Dublín subscrito polos estados membros da Unión Europea, o primeiro estado no que formaliza a petición de asilo o polisón é o que debe xestionala. Neste caso, España, de modo que deben volver a territorio español para garantir a súa tramitación. 

"Es un caso insólito y preocupante", valora CEAR, que leva desde 1979 defendendo o dereito de asilo e os dereitos humanos e non se atopou cunha situación como esta "jamás" na historia dos polisóns e o asilo en fronteira. Agora, a "prioridade" é salvar aos polisóns e traelos de regreso a España, pero, logo, denunciarán a "negligencia grave" que puido cometer un Estado que non protexe a quen pediu protección internacional ante o Ministerio de Interior.