Dúas empresas non cumpren os requisitos e outras dúas, entre elas a actual adxudicataria, incorren en baixa temeraria. Así o indica, segundo o PSdeG-PSOE, o informe dos técnicos sobre as ofertas presentadas ao concurso da auga, que será analizado na reunión da mesa de contratación prevista para o vindeiro mércores 2 de maio.
"Hai que parar este proceso e repensalo todo dende a sensatez, porque de seguir adiante isto pode acabar nun rosario de demandas xudiciais que fagan inviable a prestación do servizo e a execución das melloras proxectadas", sinalan os socialistas, que cualifican o concurso de "trapallada".
De aceptar o informe sobre as ofertas económicas tal e como está redactado, engade o PSdeG-PSOE, "non cabe dubidas de que haberá impugnacións", porque entenden que é difícil soster unha interpretación restritiva na apertura das ofertas técnicas e outra interpretación máis permisiva nas ofertas económicas.
O edil de Facenda, Raimundo González, non quixo pronunciarse publicamente sobre o contido do informe antes de celebrarse a mesa de contratación, pero recordou que se algunha empresa incorre en baixa temeraria, a lei obriga a dar un prazo de varios días para que xustifique a proposta presentada, polo que a súa exclusión non sería automática.
"En principio non hai ningunha empresa excluída", asegurou González.