Un incendio forestal iniciado ás 21.18 horas do domingo e extinguido 22 horas despois, ás 19.38 horas do luns, arrasou 30 hectáreas no municipio pontevedrés de Ponte Caldelas, segundo as últimas estimacións provisionais da Consellería do Medio Rural e do Mar.
Segundo informou a Xunta, o lume afecta á parroquia da Insua e quedou controlado ás 5.45 horas da madrugada do luns. As primeiras estimacións de superficie afectada situáronse en 20 hectáreas, pero unha análise máis detida tras a extinción das chamas elevouna a 30.
Os datos achegados por Medio Rural indican que nos traballos de extinción participaron en Ponte Caldelas oito axentes forestais, 16 brigadas, nove motobombas, unha pa e un helicóptero.