En 24 horas, o lume arrasou 350 hectáreas do monte da Fracha entre Pontevedra e Ponte Caldelas. O lume continúa sen control con medios aéreos e terrestres centrados na extinción por distintos flancos, aos que se incorporou durante a tarde a Unidade Militar de Emerxencias (UME). Mantén a alerta dúas aínda activada pola proximidade do lume ao núcleo de poboación da Canicouva.
O lume comezou ao redor das sete e media da tarde do venres, durante a noite arrasou 150 hectáreas e a media tarde a Consellería do Medio Rural actualizou a extensión afectada e elevou a 300 a superficie xa arrasada polas lapas. Xa a última hora da tarde, elevounas a 350.
O lume comezou na parroquia de Xustáns, en Ponte Caldelas, pero o vento que leva soprando de forma forte e constante desde o inicio pronto o expandiu en dirección a Pontevedra e aproximouse tanto ao núcleo da Canicouva que a Xunta decidiu decretar a situación de alerta dúas. Ademais, mantén en alerta á poboación do lugar de O Vilar, en Ponte Sampaio, e a diversos núcleos de Xustáns e Baltar, medorentos de que as chamas lles alcancen.
Ata as 19.30 horas deste sábado a Xunta despregara cinco técnicos, 16 axentes, 42 brigadas, 29 motobombas, 4 pas, 8 avións e 10 helicópteros.
Ademais, mobilizáronse voluntarios de Protección Civil de Pontevedra e Poio, os bombeiros de Pontevedra e distintos medios municipais dos dous municipios afectados, Pontevedra e Ponte Caldelas, así como axentes da Garda Civil e da Policía Local de Pontevedra e veciños tanto de Pontevedra como de Ponte Caldelas, ademáis do alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Diaz.
INCENDIO DE CALDAS E VILAGARCÍA
Tamén activo continúa o incendio que empezou o xoves en Saiar e que arrasou 450 hectáreas de monte de Caldas de Reis e Vilagarcía. Segundo o último parte de Medio Rural, "evoluciona favorablemente" e "cara á súa estabilización", xa sen riscos para os núcleos de poboación.
Na súa extinción mobilizáronse seis técnicos, 14 axentes, 51 brigada, 40 motobombas, 5 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 avións e 11 helicópteros