O incendio do edificio da Ferrería iniciouse por un curtocircuíto no local de La Moda Ideal, segundo a Policía Científica

Pontevedra
26 de xaneiro 2019

Este venres comezou o primeiro de varios xuízos civís para dirimir quen debe pagar os danos do lume. Neste caso, unha aseguradora dun dos edificio lindeiros á afectado demanda á propietaria de todo o edificio e a inquilina que tiña o negocio de La Moda Ideal e a súa aseguradora 

Axentes da policía científica revisan o edificio incendiado
Axentes da policía científica revisan o edificio incendiado / PontevedraViva

Ás portas do terceiro aniversario do aparatoso incendio que devorou o edificio situado no número 12 da rúa Michelena e no número 6 dos Soportais da Ferrería, comezan a saír á luz os informes definitivos sobre o realmente sucedido aquel 1 de febreiro de 2016. Este venres foi a quenda das conclusións elaboradas pola Policía Científica da Policía Nacional de Pontevedra, que se foron debullando con motivo dun xuízo civil celebrado nos xulgados da Parda.

Un perito da Policía Científica indicou ante o xuíz que o incendio producíase por un curtocircuíto e que a orixe foi o corredor do entreandar do edificio, nun espazo que formaba parte das instalacións da tenda de teas La Moda Ideal, un emblemático local comercial de acceso polos Soportais da Ferrería situado alí desde 1896 e que quedou totalmente arrasado. 

A vista oral celebrouse durante toda a mañá no Xulgado de Primeira Instancia número 2 de Pontevedra e é, en realidade, a primeira de varias programadas durante as vindeiras semanas. Por este incendio se presentaron, segundo puido saber PontevedraViva, varias demandas cruzadas entre propietarios, inquilinos e aseguradoras tanto do edificio afectado como dos lindeiros, de modo que deron lugar a cando menos, catro procedementos xudiciais distintos.

Este venres o procedemento parte da demanda presentada pola aseguradora dun edificio lindeiro co incendiado. Como demandados figuran a propietaria de todo o edificio e a inquilina que tiña o negocio de La Moda Ideal xunto a súa aseguradora, a quen a compañía aseguradora do edificio situado ao carón demanda os gastos ocasionados polos danos que lles causou o lume ao seus clientes. Malia non ter trascendido cifras concretas, fálase de cantidades económicas cuantiosas.

Neste pleito en concreto, a principal discusión é onde se orixinou o incendio e por que, de aí que resulten claves as conclusións da Policía Científica. O edificio, do século XIX, tiña pola zona da Ferrería a tenda La Moda Ideal e pola rúa Michelena a zapatería Cuplé. Ademais, no piso superior estaba o estudo de fotografía de Teresa Malvar, de modo que se abriron moitas posibilidades sobre cal foi a orixe. Sobre o lume tamén existe un informe de Bombeiros de Pontevedra, pero estes non foron citados no xuízo que comezou este venres e rematará o 12 de febreiro.

Durante a vista declarou o axente da Policía Científica de Pontevedra que elaborou o informe sobre o sucedido, un documento que é resultado dun intenso traballo en que foi necesaria a intervención de axentes da Comisaría pontevedresa e da Comisaría Xeral da Policía Científica desprazados desde Madrid dada a complexidade da investigación do lume. As lapas devoraron un edificio que, en realidade, é unha única estrutura que comunica con ámbalas rúas e o interior quedou moi afectado, de aí a complexidade de dar coa orixe e as causas.  "El edificio se había ido totalmente abajo. Solo quedaban vigas y paredes", relatou.

Segundo manifestou este policía, tras retirar gran cantidade de entullos, e seguindo as marcas que quedaron na parede sobre a evolución do xogo, localizaron no chan do corredor do entreandar un tramo de cable cunha perliña. Este tipo de perlas prodúcese cando as instalacións eléctricas sofren recalentamento e, na súa opinión de especialista con 14 anos de experiencia, o seu achado significa que se produciu un curtocircuíto nese tramo do cable. A preguntas dos distintos avogados descartou que se producira un incendio previo que ocasionara o curtocircuíto e a formación desa perla, senón que a conclusión á que chega é que primeiro foi o contacto eléctrico e logo o lume, pois "el incendo por sí solo no puede generar esa temperatura para formar esa perla".

Constatado que a orixe foi un curtocircuíto, queda por fixar onde se producíu exactamente ese contacto e, ao seu xuízo, tivo que ser no mesmo lugar en que apareceu o cable ou a unha distancia moi pequena, pois descarta, como sosteñen os avogados, que se producise noutro lugar e pola acción dos bombeiros e da auga puidera desprazarse moito. A súa evaluación de experto é que si se moveu, foi pouca distancia e todo apunta a que sería nun punto que se corresponde con La Moda Ideal. "No puedo precisar en centímetros, no es exacto, pero no debería variar mucho", sostivo.

O perito foi interrogado sobre as causas que puideron provocar ese curtocircuíto e explicou que non pode establecer unha causa concreta. A súa valoración é que puido haber "varias posibles razóns". Así, puido terse producido un fallo na instalación eléctrica pola súa antigüidade, polo cableado en si ou polas humidades que se tiñan detectado tempo atrás na zona de entrada dos cables e que axudaran a deteriorar a instalación eléctrica.

 

Arquivado en