O incendio de Ponte Caldelas segue activo 37 horas despois

Ponte Caldelas
06 de setembro 2013

O lume está estabilizado dende as 14.18 horas do xoves e leva queimadas 600 hectáreas. Dende que se iniciou o mércores despregáronse dous técnicos forestais, 24 axentes, 70 brigadas, 30 motobombas, oito pas, sete helicopteros, seis avións e efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME) para a extinción

O incendio forestal iniciado ás 20.25 horas do mércores en Castro Barbudo, en ponte Caldelas, segue activou máis de 37 horas despois, pero cumpre xa máis de 20 horas establizado. Neste tempo arrasou unha superficie estimada de 600 hectáreas de polo menos catro parroquias e cinco núcleos de poboación do municipio.

O lume quedou establizado, segundo a Consellería do Medio Rural e do Mar, dende as 14.18 horas do xoves, e dende as 15.24 horas rebaixouse o nivel de alerta 1 activado pola proximidade das chamas a núcleos de poboación. Ás 9.30 horas deste venres segue activo e continúan as tarefas de extinción, pero sen novidades relevantes.

Segundo a Xunta, ata ao momento despregáronse en Ponte Caldelas dous técnicos forestais, 24 axentes, 70 brigadas, 30 motobombas, oito pas, sete helicopteros, seis avións e efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME) para a extinción do lume. Os traballos implicaron tamén Protección Civil de Soutomaior e diversas unidades da Garda Civil e resultou importante a colaboración dos veciños, que pasaron na primeira noite en vela polo temor a que ardesen as súas casas.

As chamas afectaron ás parroquias de Anceu, Barbudo e A Insua, con varios núcleos de poboación invadidos polas lapas. En concreto, resultaron afectados Chaín, A Insua e Rebordelo na parroquia da Insua e varios grupos de casas de Anceu e Barbudo. Tambión chegou a tocar terreos de Pazos, na parroquia de Ponte Caldelas.

A Garda Civil confirmou que os axentes mediaron no desaloxo de tres vivendas do núcleo de Barbudo e cortaron o tráfico na estrada que comunica Ponte Caldelas co encoro de Eiras, a AEP 0201, pola afección das chamas. Segundo outras fontes polo menos unha veciña tivo que ser atendida por inhalación de fume. O Instituto Armado xa abriu unha investigación para aclarar as circunstancias nas que se produciu o lume.

Arquivado en