O incendio de Ponte Caldelas arrasa polo menos 600 hectáreas en 18 horas

Ponte Caldelas
05 de setembro 2013

O lume declarouse ás 20.25 horas e ás 14.00 horas está estabilizado, pero segue en nivel de alerta 1 pola súa proximidade a núcleos de poboación. Ata o momento, as chamas afectaron ás parroquias de Anceu, Barbudo e A Insua, con varios núcleos de poboación invadidos polas lapas. En concreto, resultaron afectados Chaín, A Insua e Rebordelo na parroquia da Insua e varios grupos de casas de Anceu e Barbudo. Tambión chegou a tocar terreos de Pazos, na parroquia de Ponte Caldelas

O incendio iniciadoás 20.25 horas do mércores en Castro Barbudo, en Ponte Caldelas, arrasou xa polo menos 600 hectáreas tras 18 horas activo e estendeuse por polo menos tres parroquias e cinco núcleos de poboación do municipio.

A última estimación de superficie queimada realizada pola Consellería do Medio Rural e do Mar ás 14.00 horas eleva as hectáreas arrasadas polo lume das 250 de media mañá a 600. Ás 14.18 indicaron que seguia activo, pero estabilizado xa, se ben continúa en nivel de alerta 1 pola súa proximidade a núcleos de poboación.

Ata o momento, as chamas afectaron ás parroquias de Anceu, Barbudo e A Insua, con varios núcleos de poboación invadidos polas chamas. En concreto, resultaron afectados Chaín, A Insua e Rebordelo na parroquia da Insua e varios grupos de casas de Anceu e Barbudo. Tambión chegou a tocar terreos de Pazos, na parroquia de ponte Caldelas.

Dende última hora da mañá, as chamas seguen moi vivas no ámbito de Anceu e bastante no resto dos focos do lume. Os medios de extinción seguen en todas as zonas afectadas, pero nalgúns lugares tan só son necesarios xa labores para arrefriar o terreo. Non queimou ningunha vivenda, pero si algunha construción tradicional como un horreo.

Segundo a Xunta, ata ao momento despregáronse en ponte Caldelas un técnico forestal, 16 axentes, 41 brigadas, 21 motobombas, seis pas, seis helicopteros, seis avións e efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME) para a extinción do lume. Os traballos implicaron tamén Protección Civil de Soutomaior e diversas unidades da Garda Civil e resultou importante a colaboración dos veciños.

O total de medios UME na zona ás 9.50 horas é de 85 militares, 21 vehículos (dos que hai seis autobombas, dúas amas, unha ambulancia todoterreo). As misións realizadas, determinadas pola dirección da emerxencia, foron de ataque directo con autobombas nos flancos oeste e sueste do incendio, defensa da poboación de Rebordelo e apoio á realización de devasas.

Arquivado en