O impulsor do Bosque de Colón, en Poio,volverá visitar o municipio 25 anos despois da súa creación.
Así o anunciou a concelleira do Partido Popular Rocío Cochón despois de que o seu grupo conseguise poñerse en contacto co profesor e escritor estadounidense John Harmon McElroy.
Este profesor émerito da Universidade de Arizona foi o que propuxo o agasallo de 500 exemplares de secuoias vermellas californianas a Poio tras estudar durante anos as viaxes de Cristóbal Colón e visitar Galicia, un agasallo que se fixo efectivo en 1992 tras unha resolución conxunta das dúas cámaras lexislativas do país norteamericano baixo a presidencia de George Bush.
As árbores foron plantados na parte baixa do Monte Castrove o 4 de decembro de 1992 con presenza de escolares estadounidenses e tamén locais, xunto a representantes políticos de diferentes administracións.
Segundo explicou a edil popular, McElroy expresou a posibilidade de contactar coas autoridades do seu país para organizar algún tipo de acto oficial durante a súa visita, asunto que levarán ao próximo pleno municipal ofrecendo toda a información da que dispoñen ao goberno local.